Os resultados dos comicios deixaban o CDU cun 33% dos votos. O SPD de Martin Schulz obtiña un 26% dos votos, un forte descenso se o comparamos co 30’4% obtido nas últimas eleccións. Porén, os cristiáns demócratas non poderán gobernar sós con este resultado aínda que si impedirán que SPD continúe a gobernar en coalición co partido verde e SSW (que representa á minoría danesa do estado).
Esta vitoria dos cristián demócratas sobre SPD é a segunda no que levamos de ano en eleccións rexionais após a derrota do partido no lander de Sarre. A subida que experimentaran os socialdemócratas nas sondaxes despois de que Schulz se presentase como candidato á chanceller para as vindeiras eleccións de setembro parece perder forza agora que só quedan cinco meses para as furnas de setembro.
En canto ao resto de partidos, Os Verdes obtiveron o seu mellor resultado cun 12,9% dos votos e Die Linke sube tamén obtendo un 3,3%. A sorpresa deuna a extrema dereita da AfD, o partido antiinmigrantes de Frauke Petry e Jörg Meuthen, que entrará por primeira vez no parlamento cun 5,9% dos votos. Malia isto, a ultradereita perde forza tendo en conta que chegou a estar no 10% durante a crise dos refuxiados.
A vitoria de CDU é o resultado dunhas eleccións nun estado no que entre os principais temas tratados durante a campaña atopamos a construción de novas escolas, os atascos ou o desenvolvemento de enerxía eólica. Non obstante, as reaccións que provocaron estes resultados a nivel nacional no país xermano demostran que foron unhas eleccións moito máis significativas que uns simples comicios rexionais.
A próxima semana terán lugar as eleccións rexionais por excelencia en Renânia do Norte-Vestfália, o estado máis poboado de Alemaña. Trala remontada dos socialdemócratas, CDU e SPD achéganse á data moi igualados nas sondaxes.