domingo 27/09/20

Forte despregamento policial o día en que o Parlamento dá luz verde aos Orzamentos

A oposición a uns orzamentos 'antisociais' fíxose escoitar ás portas do Parlamento por boca de centos de [email protected] na Rúa do Hórreo, tomada pola Policía a xeito da mellor tradición de cidade ocupada. Cantouse o 'Grandola' de Zeca e o 'Uah' de Suso Vaamonde. Houbo momentos de tensión, cos antidisturbios amagando con cargar contra manifestantes que lembraban que "o Parlamento é do pobo". Vídeo no interior
Forte despregamento policial o día en que o Parlamento dá luz verde aos Orzamentos

Desde primeiras horas da mañá, as carriñas da Policía Nacional e a Rúa do Hórreo (onde está o Parlamento) cortada ao tránsito rodado e limitada ao peonil amosaban que hai quen entende o Parlamento como un bunker. Acantonado e aillado fronte ás protestas cidadáns que ese día ían ter como punto de encontro a Cámara autonómica. Diferentes colectivos e distintas reivindicacións, mais cun denominador común: O rexeitamento duns orzamentos 'antisociais' que estaban a se debatir no Parlamento e que implicaban tesoira, tesoira, tesoira para servizos públicos.

A primeira concentración era a convocada pola Plataforma Galega en Defensa dos Servizos Públicos. Denunciaban que estes orzamentos son o “toque de graza” para a destrución de servizos como sanidade e educación e afondan no proceso de privatización. O secretario nacional de CIG-Ensino, Anxo Louzao, mesmo falaba dunhas contas que supuñan unha aposta pro "destruir o país" e "a clase traballadora".

Zeca, Suso e LPR

Durante tres horas, os centos de concentrados non perderon folgos en consignas, cánticos e palabras de orde nas que se misturaba a denuncia dos recurtes sociais, coas críticas á corrupción do PP ou á presenza policial. Iso si, non faltaron gorxas poderosas para entonar o Grandola Vila Morena de Zeca Afonso ou o Uah de Suso Vaamonde. E por megafonía, mesmo sonou El Congreso de los Ratones, de La Polla Records. O ambiente misturaba reivindicación cun ton festivo. 

Unha maré de centos de estudantes e profesores da Universidade de Compostela, que partiu en manifestación da Praza do Toural, sumouse á concentración. Foi o momento máis tenso. Non polos manifestantes, claro, senón porque ducias de policias comezaron cos preparativos do que moitos entenderon que ía ser unha carga: Colocaron o casco, taparon o rostro e achegáronse até estar face con face coa liña de [email protected] Case todos eles, Unidade da Intervención Policial (UIMP) non lucian a obrigatoria praca identificativa. E negáronse a ensinala a quen llo pedía.

Do aguilucho á gaivota

"Primeiro un aguilucho, despois unha gaivota, sempre un paxariño, a tocarnos as pelotas". Foi un dos lemas da concentración, cun rápido éxito entre os e as presentes, como o de "os que privatizas, teen contas en Suiza". Non foi o único, claro. Houbo palabras de orde a prol da soberanía, contra a corrupción e na defensa dunha democracia real. Na defensa do ensino e sanidade pública e de rexeitamento duns orzamentos "que non, que non, que non nos representan". 

comentarios