O Parlamento galego inicia a tramitación da cuarta lei en sete anos para o traspaso da AP-9

Entre reproches cruzados dos grupos, saíu adiante por unanimidade o texto proposto do PP, que rexeitou cos seus votos o do BNG

A autoestrada AP-9 ao seu paso por Santiago de Compostela. (Foto: Nós Diario)
photo_camera A autoestrada AP-9 ao seu paso por Santiago de Compostela. (Foto: Nós Diario)

Sete anos despois de que o Parlamento galego sacase adiante de maneira unánime a primeira lei para pedir a transferencia da titularidade da AP-9 á Galiza, o Lexislativo galego renovou por cuarta ocasión a súa vontade coa aprobación da toma en consideración dun novo texto, proposto polo PP e que, decaído o terceiro e último pola convocatoria electoral do pasado mes de xullo, volveu contar co apoio de todos os grupos con presenza no Pazo do Hórreo (PP, BNG e PSdeG).

O curso político arrincou na Galiza cun novo debate de propostas lexislativas para reclamar ante o Estado español o traspaso da AP-9. Neste caso foron dúas, unha levada ao primeiro pleno do período de sesións polo PP e outra polo BNG, esta última rexeitada pola maioría absoluta do grupo que sustenta o Goberno galego.

Así pois, o Lexislativo galego volverá tramitar unha nova lei para a súa remisión ás Cortes españolas, onde, desde 2016, se freou a reclamación para que a autoestrada do Atlántico pase a ser xestionada desde a Galiza.

A Xunta apela a "non perder un minuto"

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, apelou a "non perder un minuto" para conseguir a transferencia da titularidade da AP-9 a mans da Xunta da Galiza, que "está preparada" para asumir a xestión da Autoestrada do Atlántico.

Así o manifestou en declaracións aos medios nos corredores do Parlamento galego esta terza feira, 12 de setembro, minutos despois de que o pleno do Lexislativo galego aprobara por unanimidade a toma en consideración do texto normativo.

Para Vázquez, é necesario actuar "sen dilación" para "non perder un só minuto" e lograr nesta recentemente iniciada lexislatura no Estado español un traspaso que o Pazo do Hórreo tentou sen éxito desde 2016 a pesar da postura unánime dos grupos representados nas últimas dúas lexislaturas, ao votar en contra da iniciativa o Partido Popular na Cámara española.

Tras o decaemento da terceira e última lei enviada ás Cortes (aprobada en 2021 e que estivo en tramitación dous anos e medio até a convocatoria de eleccións xerais a finais de maio), Vázquez incidiu na "importancia" da infraestrutura para "a sociedade e a economía" da Galiza.

Despois de acusar o PSOE de "bloquear" a súa tramitación e "desviar o contido" das leis aprobadas na Galiza (o mesmo que o seu propio grupo fixo xa con anterioridade), a conselleira remarcou que a Xunta "está preparada" para asumir a xestión da autoestrada e, así, dar "un mellor servizo aos galegos e ás galegas".

Comentarios