O Parlamento decide hoxe se crea unha comisión de investigación sobre a eólica

Francisco Conde comparece na Cámara sobre a tramitación dos parques.
Parque eólico na serra do Candán, nas comarcas do Deza e Terra de Montes. (Foto: Arxina)
photo_camera Parque eólico na serra do Candán, nas comarcas do Deza e Terra de Montes. (Foto: Arxina)

O vicepresidente primeiro da Xunta da Galiza e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, comparecerá esta terza feira no pleno do Parlamento galego para abordar a tramitación dos parques eólicos nunha sesión na que o BNG introduciu a súa petición de crear unha comisión de investigación sobre esta mesma cuestión.

A Galiza vén dunha etapa de "autorizacións intensas", en palabras de onte do portavoz parlamentario do PP da Galiza, Pedro Pui, co visto e prace a 84 parques, 77 deles por parte da Xunta e outros sete a cargo do Goberno estatal, xa que superaban os 50 megawatts de potencia.

Neste escenario, Conde abordará as perspectivas do desenvolvemento eólico na Galiza, un desenvolvemento que o PP di que ten que darse con todas as "garantías" ambientais e de "respecto" a outras actividades como a gandaría. 

Perdón ás enerxéticas

Con todo, o BNG, como anunciou a semana pasada a súa viceportavoz parlamentaria, Olalla Rodil, introduciu unha petición de comisión de investigación para abordar a tramitación dos parques eólicos, xa que o PP "perdoou" ás empresas o desenvolvemento ou monetización de plans industriais vinculados aos megawatts concedidos pola Administración, como denunciou o colectivo Adega ante a Fiscalía no caso da compañía Greenalia nos parques de Campelo e Lamas de Feás.

Olalla Rodil advertiu de que o Goberno galego leva "meses ocultando" a información a este respecto, "incluída" a que se solicitou a través do artigo número 9 do regulamento da Cámara. Por iso, reclaman "luz e taquígrafos" nas tramitacións dos parques eólicos.

Comentarios