Unanimidade no Parlamento para impulsar a creación de cemiterios de confesións minoritarias

A proposta, presentada polo BNG, busca "garantir que as familias poidan enterrar dignamente" os seus seres queridos respectando os seus ritos relixiosos, como pode ser o caso da comunidade musulmá.
Cemiterio musulmán en Malaca (Malasia). [Foto: Pablo L. Mendoza]
photo_camera Cemiterio musulmán en Malaca (Malasia). [Foto: Pablo L. Mendoza]

Os grupos do Parlamento galego votaron na sesión desta cuarta feira a favor dunha iniciativa presentada polo BNG na que se insta a Xunta a impulsar a creación de cemiterios para confesións minoritarias no país, como é o caso da comunidade musulmá. O deputado nacionalista Manuel Lourenzo expuxo na Cámara casos como o de Ismael, un mozo de Arcade (Soutomaior) que faleceu o pasado mes de decembro e cuxa morte "puxo de manifesto" as trabas que existen para que comunidades como a súa, a musulmá, "poidan enterrar dignamente" os seus seres queridos.

Outro caso sonado na Galiza foi o de Abdelkhalek el-Bouabi Hailas e Ezzoura Bouadel, o matrimonio que perdeu a vida na explosión dun almacén clandestino de material pirotécnico en Páramos (Tui, na comarca do Baixo Miño) en 2018. Malia que o desexo da familia era soterralos aquí para ficaren perto deles, finalmente trasladaron os seus restos a Marrocos ante a imposibilidade de darlles sepultura no país nun cemiterio do rito islámico.

"Estamos a falar de familias que en moitos casos levan décadas vivindo aquí e de persoas que naceron na Galiza. Son cidadáns galegos de pleno dereito", salientou Lourenzo na súa intervención ante o pleno desta cuarta feira, ao tempo que lembrou que o Parlamento xa adquirira este compromiso en 2017.

Con esta iniciativa búscase "garantir o dereito de todas as persoas que teñan crenzas relixiosas minoritarias no país, pero cun arraigamento importante", poidan "levar adiante os seus enterramentos seguindo as súas crenzas" e sen necesidade de expatriar os cadáveres.

Non se acordou unha data concreta para efectuar esta medida

O parlamentario nacionalista fixo tamén referencia a "toda a lexislación incumprida" por mor da parálise na creación destes cemiterios, que conculca a Lei Orgánica 7/1980, de 5 de xullo, de Liberdade relixiosa; a Lei 49/1978, de 3 de novembro, de Enterramentos en cemiterios municipais; a Lei 26/1992, de 10 de novembro, pola que se aproba o Acordo de Cooperación do Estado coa Comisión Islámica de España [modificación do ano 2015], e o Decreto 151/2014, de 20 de novembro, de sanidade mortuoria da Galiza.

Os 'populares', pola súa parte, anunciaron o seu compromiso de acordo para vehicular este dereito para as minorías relixiosas "despois de que se constitúa a nova Fegamp", sinalou o deputado do PP José Alberto Pazos Couñago, que asegurou que este dereito "será unha realidade", mais sen comprometer unha data concreta.

Comentarios