O PRESIDENTE DE SORTU, SOBRE PODEMOS

“Parece que a Pablo Iglesias a axenda política verbo de Euskal Herria quen lla marca é o PP”

Podemos continúa o seu xiro de 360 graos. O seu líder, Pablo Iglesias, pasou en apenas dous anos de oferecer unha palestra nunha Herriko Taberna a demandar, a pasada cuarta feira, a Bildu que condene ETA como pre-requisito para chegar a acordos post-eleitorais. “Parece que a Pablo Iglesias a axenda política verbo de Euskal Herria quen lla marca é o PP”, dixo esta sexta feira o presidente de Sortu e líder de EH Bildu, Hasier Arraiz.

Hasier Arraiz
photo_camera Hasier Arraiz, nun acto de Sortu

A pasada cuarta feira, nunha entrevista en RNE, o líder de Podemos mostrou a súa abertura a chegar a acordos con calquera forza política, incluído o PP e a esquerda abertzale. Mas a respeito do independentismo vasco, puxo unha condición previa: a condena de ETA, o que sitúa Podemos na mesma lóxica que a mantida tradicionalmente pola socialdemocracia española.

O líder de Podemos completa así unha involución radical no seu posicionamento sobre o fenómeno da loita armada en Euskal Herria e a súa expresión política. De facto, a equipa de Políticas da Complutense liderada por Pablo Iglesias mantivo durante anos unha certa relación con ideólogos da esquerda abertzale, e o propio profesor madrileño mesmo ofereceu unha palestra nunha herriko taberna en Nafarroa. O aparecimento de Podemos suscitou unha certa esperanza en EH Bildu, a de que se puidese abrir un novo tempo, democrático, no Estado. Estas declaracións de Iglesias agora deitan un xerro de auga fría na esquerda independentista vasca. Harraiz acusa o secretario xeral de Podemos de empregar “palabras moi vellas” e de situarse nun discurso, o da condena, que, lonxe de representar unha Política Nova, supoñen o retorno á retórica “dos pactos da Moncloa e de Ajuria Enea”.

A viraxe de Pablo Iglesias

Para Arraiz, a viraxe de Pablo Iglesias débese a que “está a ter moita présa” e a que “non sabe moi ben cara onde vai realmente”.

“Dicimos isto cun ponto de decepción, porque non o agardabamos ou no mínimo non o agardabamos tan cedo”, engadiu o presidente de Sortu, quen alertou sobre a hipótese de que o xiro político de Iglesias o estea a conducir a se converter “na mesma casta que eles estiveron criticando desde hai meses”.

As declaracións de Iglesias sobre Euskadi chegan após Juan Carlos Monedero, ex secretario de Podemos recentemente demitido, expresase a súa insatisfacción pola deriva ideolóxica do partido, cara á “moderación” como vía de desnaturalización do proxecto orixinario.

Comentarios