Parlamento

A nova Lei de Calidade Alimentaria, "propaganda" e "chamusquina" para a oposición

A norma aprobouse co único apoio dos deputados do PP.
Xosé González, conselleiro de Medio Rural
photo_camera José González, conselleiro de Medio Rural.

O PP sacou adiante, só cos seus votos ante a abstención da oposición, a Lei de Calidade Alimentaria no último pleno parlamentario do ano. Esta lei actualiza unha norma de 2005 e suporá que a Galiza sexa a primeira autonomía en crear de forma "pioneira" un certificado de sustentabilidade.

Pola contra, Martín Seco (PSdeG) reduciu esta lei a "propaganda electoral" e Xosé Luís Rivas, 'Mini' (BNG), tachouna de "chamusquina". Ambos os dous coincidiron en criticar o proceso acelerado de tramitación para a súa aprobación, que cualificaron de "auténtico desastre".

Ao fechamento do debate, o conselleiro de Medio Rural, José González, pediu intervir para defender que nesta lei cumpríronse "as formas" e destaca que se aceptaron ou transaccionaron máis de 60 emendas da oposición. 

Durante o debate, Rivas (BNG) censurou que esta norma non busque atallar o saldo alimentario negativo de 1.200 millóns ao ano na Galiza. "A maior parte do que comemos nós e os nosos animais é producido fóra da Galiza", avisou.

Así, acusou o PP de ser o "responsábel" dun "desastre" no sector primario galego, unha potencia láctea que "non ten apoio suficiente" e cunha falta de aposta pola investigación, entre outras cuestións.

Martín Seco, pola súa parte, responsabilizou o PP de meter pola "porta de atrás" o informe de relatorio na última convocatoria en comisión, "cando esta nin sequera terminara". "Un auténtico desastre" que achaca á "présa" de Alfonso Rueda por convocar eleccións. O deputado socialista lamentou que esta lei naza cunha "tara importante" ao realizarse "sen estudo da lei en vigor".

Lamentou que a Consellaría só "malgaste fondos" en publicidade mentres ten "abandonados" os centros agroforestais e "deixa tirados multitude" de produtores ecolóxicos e mozos que se incorporan ao campo.

Adeus de Martín Seco

Seco aproveitou a súa intervención para despedirse do Parlamento no "último pleno da lexislatura".

Comentarios