Decepción entre os produtores en ecolóxico: "Boas palabras, pero as subvencións seguen perdidas"

Após tres meses de espera, esta sexta feira foron recibidos polo conselleiro de Medio Rural para abordar a perda das axudas correspondentes a 2022.

Diferentes froitas e hortalizas cultivadas ao xeito ecolóxico. (Foto: Craega)
photo_camera Diferentes froitas e hortalizas cultivadas ao xeito ecolóxico. (Foto: Craega)

O conselleiro de Medio Rural, José González, recibiu este 10 de febreiro en San Caetano representantes da plataforma de produtores de ecolóxico da Galiza, Proecogal, case tres meses despois de que se confirmara a perda de axudas correspondentes a 2022 e o colectivo solicitase un encontro cs responsábeis da Xunta.

Segundo sinala Proecogal nun comunicado, a reunión tivo lugar "tras a presión exercida" polos produtores e produtoras en ecolóxico nestes últimos meses, que foi sumando apoios en Concellos Deputacións, no Parlamento da Galiza, a través dos grupos parlamentarios da oposición, e mesmo no seo da Unión Europea tras a mediación da eurodeputada do BNG, Ana Miranda.

Sen avances

"A reunión tivo un ton amábel, pero cun contido decepcionante e desfavorábel aos intereses dos produtores afectados", resume Proecogal.

"Nós esperabamos unha solución boa e definitiva para as solicitudes denegadas no 2022 como vimos reivindicando e reiterando desde que xurdiu este problema", mais segundo afirman os portavoces da entidade, Medio Rural segue a porfiar en "é imposíbel recuperar esas axudas ou mesmo compensalas".

Segundo explican, o Goberno galego está a "desviar a atención" dos produtores cara ao período 2023-27, no que estaría disposto a facer unha dotación de crédito maior, até chegar a 25%, como reclamaba a plataforma dende que o comezo.

Novas medidas de presión

"Nós celebrámolo, pero isto non arranxa o problema do 2022 xa que o incremento dese 25% estaba falado nas reunións anteriores do PEPAC, e antes de se producir as denegacións das axudas do 2022".

Neste punto, lembran que nun primeiro momento a solución da Consellería "era baixalo ao 10% para repartir entre todos as persoas solicitantes".

Desde Proecogal aseguran, como fixeron xa durante a xuntanza con Medio Rural, que "seguiremos insistindo tanto a nivel administrativo, como social e, se fixese falta, xurídico".

Mentres, din, as familias afectadas "estamos batallando novas medidas de presión que nos leven a cobrar as cantidades que estaban preautorizadas e que son as que están a lastrar o desenvolvemento das nosas explotacións", conclúen.

Comentarios