Crise dos pellets

Son tóxicos os pellets de plástico? Para a Comisión Europea e a ONU, si

Bruxelas é "moi consciente" das repercusións negativas da contaminación por microplásticos e, en particular, destas pequenas bólas de plástico que esparexen polo mar.
Pellets recollidos nunha praia da Coruña durante a fin de semana. (Foto: Elena Fernández / Europa Press).
photo_camera Pellets recollidos nunha praia da Coruña durante a fin de semana. (Foto: Elena Fernández / Europa Press).

Malia que o Goberno galego insiste en defender que os pellets de plástico que seguen chegando por millóns ás praias de todo o país non presentan ningún risco para a saúde nin para a fauna e o medio mariño, desde a Comisión Europea non o teñen tan claro. Hoxe mesmo saíu ao paso da crise que nos últimos días afecta o litoral da Galiza o portavoz de Medio Ambiente do organismo comunitario, Adalbert Jahnz, para asegurar que Bruxelas é "moi consciente" das repercusións negativas da contaminación por microplásticos e, en particular, destas pequenas bólas de plástico que esparexen polo mar.

Jahnz lembrou tamén que a Comisión propuxo o pasado outubro un novo marco legal que busca reducir este tipo de contaminación. O documento recolle que a "liberación continua" destes materiais contribúe á "contaminación permanente" dos ecosistemas e cadeas alimentarias. Aliás, incide, a exposición aos microplásticos en estudos de laboratorio "vinculouse a unha serie de efectos negativos (eco)tóxicos e físicos nos organismos vivos". "Tamén é probábel que os microplásticos sexan tóxicos para os seres humanos", advirte.

A principal causa da 'fuga' de pellets, asegura Bruxelas, débese principalmente á "falta de sensibilización" e a unha "mala manipulación" do produto e, por tanto, "hoxe en día pode evitarse en gran medida de maneira rendíbel". "Non é necesario modificar o comportamento dos produtos ou dos consumidores para previr e reducir as perdas de gránulos. A aplicación coherente das mellores prácticas de manipulación existentes —xa dispoñíbeis para as empresas— en todas as fases da cadea de subministración, e por parte de todos os axentes, pode reducir a perda de gránulos de plástico", prosegue.

Tamén a ONU puxo o foco neste tipo de microplásticos e demandou novos e máis estritos regulamentos a raíz da grave crise ambiental que padeceu Sri Lanka en 2021, "o maior desastre ecolóxico" da súa historia. "Co paso do tempo, os gránulos, que tardarán até 1.000 anos en desintegrarse, poden acumularse na cadea alimentaria, enfermando os peixes e potencialmente os humanos", alertou daquela Hemantha Withanage, directora executiva do Centro de Xustiza Ambiental de Sri Lanka.

Porén, a Xunta da Galiza insiste en defender que tal perigo non existe no caso dos pellets que asolagan Galiza. "Non son tóxicos nin perigosos", asegurou esta segunda feira con rotundidade a conselleira de Medio Ambiente, Ánxeles Vázquez. Unhas palabras posteriormente matizadas na nota de prensa remitida polo Goberno galego na que suprimiu o termo "tóxico" e deixou a cita de Vázquez en "non son perigosos". Para a Fiscalía de Medio Ambiente do Estado, de feito, hai "indicios de toxicidade" nestes materiais.

E esta terza feira transcendeu o informe encargado pola Xunta e no que ampara as súas declaracións, encargado a unha empresa privada, Valtalia, e asinado polo técnico Santiago García Pardo. O documento, avanzou hoxe, elDiario.es, non se basea nunha análise de laboratorio e ten unicamente unha páxina de extensión. Asegura que estes pellets son "aptos para uso alimentario", referíndose aos envases que se fabrican con eles, e conclúe, ademais, que "non son perigosos".

Comentarios