Crise dos pellets

Fiscalía ve "indicios de toxicidade" nos pellets que a Xunta asegurou hoxe que "non son tóxicos nin perigosos"

"Non son biodegradábeis, non poden eliminarse e contribúen á contaminación por microplásticos", sinala o fiscal.
Os pellets encontrados nas rías de Arousa e Muros-Noia. (Foto: Noia Limpa).
photo_camera Os pellets encontrados nas rías de Arousa e Muros-Noia. (Foto: Noia Limpa).

Os pellets que desde hai semanas proliferan en praias de toda Galiza "non son tóxicos nin perigosos". Esta rotunda afirmación da conselleira de Medio Ambiente, Ánxeles Vázquez, na mañá desta mesma segunda feira desde Ribeira, que non acompañou de ningún informe técnico —un documento, precisamente, que o BNG pediu facer público e trasladalo ao Parlamento galego— é contraditoria co que sinalou a Fiscalía de Medio Ambiente do Estado no decreto a través do que, tamén hoxe, abriu dilixencias de investigación.

Estas pequenas bólas de plástico, asegura o fiscal Antonio Vercher, "presentan indicios de toxicidade". "Non son biodegradábeis, non poden eliminarse e contribúen á contaminación por microplásticos", engade, nun documento avanzado pola Cadena SER. Os pellets apareceron xa na costa de Asturias, cuxo Goberno prevé activar cedo o nivel 2 de alerta, algo ao que a Xunta segue a resistirse.

O propio Goberno galego vén de compartir unha nota de prensa, referida á visita a Ribeira da conselleira, na que insiste en que "as primeiras conclusións dos informes técnicos solicitados pola Xunta sobre a composición dos pellets apuntan a que non é perigoso". "Temos a confirmación de que non é perigoso, pero si é plástico", apunta a nota, apuntando ás declaracións de Vázquez. Suprímese da cita, porén, o termo "tóxico". Un matiz importante tendo en conta que a Fiscalía apreciou "indicios de toxicidade" neste material.

Desde San Caetano si reiteran, con todo, a "necesidade e urxencia" de que o Goberno estatal remita "de inmediato" a ficha técnica do produto que transportaba o buque mercante Toconao nun dos contedores que caeu ao mar mentres navegaba por augas portuguesas. Ese colector contiña 26,2 toneladas de pellets repartidos en máis de 1.000 sacos.

Comentarios