Olalla Rodil: "Temos que incomodar a sociedade para que vexamos e detectemos o machismo"

A campaña que o BNG ten lanzado neste 2022 co gallo do 8 de marzo ten suscitado unha importante polémica. Nós Diario fala coa viceportavoz parlamentaria e vicerresponsábel de comunicación do BNG, Olalla Rodil, sobre a xestación da mesma.
A representante do BNG Olalla Rodil. (Foto: Nós Diario)
photo_camera A representante do BNG Olalla Rodil. (Foto: Nós Diario)

Como xorde a campaña do BNG polo 8 de marzo deste ano?

Xurdiu cando empezamos a traballar tanto desde o grupo de comunicación como do de acción feminista do BNG arredor do 8-M e de como íamos a enfocar a campaña.

Tíñamos claras dúas cousas, en primeiro lugar que non queríamos en ningún caso que pasase desapercibida a campaña no contexto dunha actualidade informativa mediatizada pola Covid e agora pola crise interna do Partido Popular ou a crise de Ucraína, e polo tanto apostamos por unha campaña moi de impacto para que que non pasase desapercibida unha data tan importante para o movemento feminista como o 8 de marzo.

Por outra parte, tamén tíñamos claro desde o BNG que queríamos centrar o noso traballo e a idea sobre a que pivotar a campaña en que levamos cen anos, por dicilo así, desde o movemento feminista, loitando polos dereitos das mulleres, e aínda que nos poida parecer que avanzamos moito, porque o certo é que si avanzamos, hai moitísimas cousas que nos seguen demostrando que as mulleres non gozamos de todos os dereitos recoñecidos, de igualdade real e efectiva, e que seguimos sendo discriminadas. 

Seguimos sendo obxecto de cousificación e hipersexualización, seguimos cobrando menos que os homes por facer o mesmo traballo, seguimos tendo vetados moitos postos de dirección polo teito de vidro, e que temos chans pegañentos. Entón, por esa razón, quixemos facer unha campaña moi provocadora, intencionadamente provocadora, porque ás veces parécenos que as cousas cambiaron moito pero no noso día a día, nos produtos culturais que consumimos, por pór un exemplo, seguimos reproducindo os mesmos estereotipos de sempre.

Cal é exactamente a mensaxe que a campaña quere transmitir?

Se nos fixamos, a campaña ten dúas ideas, unha parte que foi a que creou polémica nas redes sociais, que usa como recurso a canción de Eurovisión, que todo o mundo coñece, e que sabe a quen pertence, pois é moi coñecida e popular.

Usamos ese recurso como vía para poder falar precisamente de que no noso día a día seguimos a sufrir discriminacións e violencias con maior ou menor intensidade, seguimos sendo utilizadas como reclamo para vender hipersexualizando os nosos corpos, en definitiva, para deixar ver que o machismo e a discriminación seguen presentes en todos os ámbitos da vida diaria e que necesitamos un punto de inflexión.

Ese punto de inflexión é a outra parte que compón a campaña, as pezas son secuenciais, e a segunda parte incide en que queremos os nosos dereitos, queremos todos os dereitos, e querémolos xa. Non queremos seguir agardando para ser tratadas de modo igualitario e que sexan recoñecidos os nosos dereitos como persoas, que é basicamente a demanda do movemento feminista.

Eran conscientes da polémica que ía suscitar?

Si. Sabiámolo cando estabamos facendo a campaña. O que queríamos era chamar a atención porque pola propia experiencia doutras campañas que fixo o BNG, ás veces pasan sen pena nin gloria, é dicir, son o esperábel. 

Unha das marcas do movemento feminista é que non é previsíbel, é incómodo, mete o dedo na chaga, porque temos que meter o dedo na chaga, temos que incomodar o conxunto da sociedade para que vexamos e detectemos que o machismo está presente en todos os espazos da nosa vida con maior ou menor intensidade.

Nas películas que vemos, nos libros que lemos, na publicidade que nos chega, tamén por exemplo na industria musical, en todos os estilos e non en un en concreto, en todos eles, desde o pop ao heavy metal, está presente o machismo.

Para denunciar isto necesitabamos chamar a atención sobre o conxunto da sociedade e sabíamos que o elemento que estabamos usando serviría para dicirlle a moita xente que na vida diaria hai moitos comportamentos e actitudes que seguen perpetuando o machismo e a desigualdade das mulleres, e que isto non é algo banal nin irrelevante.

Como dicía antes, usamos intencionadamente este recurso porque é tremendamente coñecido, e porque se usaramos a letra de outra canción igual a maior parte da sociedade non sabería nin de que lle falabamos.

Antes a Covid, e agora temáticas como o conflito en Ucraína ou a crise interna no Partido Popular están diminuíndo os focos postos sobre unha data tan sinalada e importante como o 8 de marzo. Como enfrontan esta situación?

Estamos facendo un traballo desde o BNG do que esta campaña é a parte máis visíbel, máis mediatizada, máis de redes; mais alén diso, temos campañas en todas as comarcas, en todas as localidades, e están facéndose actos e imos apoiar tamén as convocatorias do movemento feminista galego. Cremos que necesitabamos romper a apatía para poñer no centro unha data tan importante e tan relevante para o feminismo como o 8 de marzo.

É unha data, ademais, na que ten moita relevancia a reivindicación dos dereitos laborais das mulleres traballadoras do noso país e do conxunto das mulleres do mundo, e polo tanto, non queríamos que pasase como unha data rutineira.

A análise que facemos desde o BNG é que levamos uns anos cun ciclo de mobilización potentísimo, especialmente desde 2017 até que chegou a pandemia, e con millóns de mulleres nas rúas de todo o mundo e moito seguimento no noso país, mais iso non se traduciu de maneira clara e contundente en modificacións legais que, por exemplo, permitan que as mulleres gocemos dos nosos dereitos e vaiamos camiñando cara adiante na igualdade.

Eu poño un exemplo que é moi bo para entender isto, no ano 2017, cando comezaron as mobilizacións potentes do movemento feminista ao fío da sentenza da “manada” pola  violación da rapaza nos San Fermíns, houbo un compromiso dos gobernos para modificar o código penal e que non puidésemos ver sentenzas como as que vimos, nas que para que haxa consideración de que unha muller é violada esta ten que amosar resistencia, porque se non, simplemente se considera que se comete un abuso sexual. Ben, pois hoxe, en 2022, o código penal segue sendo exactamente o mesmo que cando se produciu o xuízo da manada, pero a sociedade non é a mesma.

O que dicimos desde o BNG é que isto vai en slow-motion, vai moi lento, demasiado lento, e non queremos seguir agardando eses cambios e esas promesas diante das demandas que o movemento feminista puxemos na axenda desde hai moitos anos. Necesitamos ver que se fan efectivas e se compren esas reivindicacións, cousa que non está a acontecer en absoluto.

Van realizar un acto en Moaña coas alcaldesas e concelleiras do BNG no que tratan de resaltar o papel da muller na sociedade en xeral, e na política en particular. Cree que se ten avanzado nos últimos tempos nestas materias? 

Desde o BNG o que queremos pór en evidencia arredor da data do 8 de marzo, en primeiro lugar, que para nós o feminismo e as reivindicacións feministas son unha prioridade e unha cuestión de primeira orde e máxima relevancia na acción política. Iso maniféstase nas propostas que facemos e nas iniciativas que defendemos, por exemplo, conseguimos, e eu creo que temos que poñelo en valor, que se modificasen dúas leis aquí na Galiza que foron fundamentais para seguir avanzando nos dereitos das mulleres.

Unha delas é a Lei Ángeles Mariño para a igualdade das mulleres científicas e que non teñamos que escoller entre ser científicas ou nais. Outra modificación lexislativa importante é a que introducimos na Lei de violencia machista para que se recollera na Galiza o concepto de violencia vicaria como unha forma máis de violencia exercida contra as mulleres polo simple feito de selo.

Demostramos que somos unha organización feminista coas nosas propostas lexislativas, mais tamén o demostramos co papel que cumprimos as mulleres dentro da propia estrutura do BNG. Para empezar somos a única forza na Galiza na que a súa máxima representante, a portavoz nacional, é unha muller, con Ana Pontón.

Ademais, demostrámolo co papel que temos as mulleres dentro da dirección política do BNG, no Consello e na Executiva nacional, e tamén, por suposto, no ámbito local e comarcal coas mulleres en primeira liña que temos, nas alcaldías e en outros gobernos nos que participamos, así como coas nosas responsábeis e portavoces locais e comarcais, que aínda non gobernando representan ao nacionalismo galego nos seus concellos.

Comentarios