A política internacional, vedada á muller

90% da poboación mundial ten algún tipo de prexuízo contra as mulleres. 50% cren que os homes son mellores políticos. 40%, que son mellores líderes empresariais. Nos procesos de paz, as mulleres representan apenas 13% dos equipos negociadores e só 4% das sinaturas deses acordos.
mulleres
photo_camera Público asistente ao acto central da ONU, onte, con motivo do Día Internacional da Muller Traballadora (un.org)

Malia décadas de progreso, as desigualdades entre homes e mulleres mantéñense vivas no mundo do século XXI. Son numerosos e diversos os ámbitos; tamén moi diferentes segundo os contextos xeográficos, sociais e relixiosos, nun planeta con grandes desigualdades entre seres humanos. Mais hai unha constante a nivel global: nove de cada dez cidadás e cidadáns albergan algún tipo de prexuízo contra as mulleres, segundo un informe publicado esta semana polo Programa das Nacións Unidas para o Desenvolvemento (PNUD).

O primeiro Índice de Normas Sociais de Xénero elaborado polo PNUD examinou datos de 75 países que albergan arredor de 80% da poboación mundial. Nomeadamente, analiza como este nesgo obstaculiza a equidade entre persoas de diferente sexo nos ámbitos da política, do traballo ou da educación. Isto é, creando barreiras invisíbeis e os chamados "teitos de cristal"

De acordo con este índice, aproximadamente a metade dos homes e das mulleres do mundo consideran que os primeiros son mellores líderes políticos que as segundas. Ademais, máis de 40% opina tamén que son mellores executivos empresariais e que teñen máis dereito a ocupar un emprego cando chegan tempos de escaseza de postos de traballo.

Fóra dos círculos de poder

"Recorremos un longo camiño nas últimas décadas para asegurar que as mulleres teñan o mesmo acceso que os homes ás necesidades básicas da vida", sinalou Pedro Conceição, director da Oficina do Informe sobre o Desenvolvemento Humano do PNUD durante a presentación do informe na quinta feira. 

Conceição sinalou que, desde 1990, se atinxira "a paridade na escolarización en educación primaria" e que se reducira "a mortaldade infantil en 45%". Con todo, recoñeceu que "a fenda de xénero é aínda demasiado evidente noutras áreas, particularmente naquelas que desafían as relacións de poder e teñen maior influencia á hora de lograr realmente a verdadeira equidade".

Comentarios