O PSdeG comezará a lexislatura cunha proposta para fixar un imposto á banca

O secretario xeral d@s socialistas galeg@s, Pachi Vázquez, salientou que o imposto é "imprescindíbel" para atinxir os ingresos precisos "para afrontar as políticas sociais e protexer os servizos públicos", e lembrou que esta iniciativa vén de ser avalada polo Tribunal Constitucional
Pachi Vázquez, candidato do PSdeG-PSOE
photo_camera Pachi Vázquez, candidato do PSdeG-PSOE

Pachi Vázquez, anunciou hoxe que a primeira proposición de Lei do PSdeG-PSOE nesta lexislatura será a do imposto á banca. Así o dixo logo da xuntanza protocolaria coa presidenta do Parlamento antes do debate de investidura, na que reclamou un Parlamento “máis áxil e dinámico” para “resolver os problemas dos cidadáns”.

Pachi Vázquez salientou que o imposto á banca, que centrará a primeira lei que presenten desde o PSdeG nesta lexislatura parlamentar, é necesario para acadar os ingresos para afrontar as políticas sociais e protexer os servizos públicos. Lembrou tamén que esta iniciativa ven de ser avalada polo Tribunal Constitucional en Estremadura, e aplicada en Andalucía e Canarias. E dixo que con esta achega @s socialistas galeg@s anticipan unha oposición “dura e contundente pero tamén propositiva para ser útil aos cidadáns”.

 Desde o PSdeG estiman que este imposto permitiría recadar perto de 60 millóns de euros ao ano, "uns recursos adicionais que permitirán equilibrar os orzamentos autonómicos reforzando o financiamento de servizos públicos como a sanidade ou a educación reducindo o déficit público”.

Vázquez explicou, aliás, que esta proposta "debe garantir que as entidades non poidan repercutir a terceiros a cota deste imposto".

Comentarios