Parlamento

O PP veta no Parlamento o traspaso á Galiza das competencias en xestión do litoral

Na súa intervención no Pleno da Cámara, o deputado nacionalista Luís Bará defendeu que o mar e a costa da Galiza "non se poden gobernar desde un despacho de Madrid a 600 quilómetros".
Sesión plenaria do Parlamento da Galiza (Foto: Parlamento).
photo_camera Sesión plenaria do Parlamento da Galiza (Foto: Parlamento).

O PP vetou a toma de consideración do Parlamento galego dunha proposición de lei para defender no Congreso o traspaso á Galiza da xestión do litoral, xa que considera esta norma impulsada polo BNG como "inxusta, innecesaria e ilegal".

Na súa intervención no Pleno da Cámara, o deputado nacionalista Luís Bará defendeu que o mar e a costa da Galiza "non se poden gobernar desde un despacho de Madrid a 600 quilómetros", polo que expón que se necesitan instrumentos lexislativos e capacidade de xestión para "romper o deseño centralista" e "madrileñocéntrico" co fin de que se teña "en conta a realidade galega".

Defende que Galiza debe contar coas "máximas competencias" en materia de litoral e mar, tal e como xa teñen outros territorios como Andalucía ou Canarias.

Neste sentido, require "todas as competencias en relación co mar" co traspaso de medios materiais e humanos en cuestións como: loita contra a contaminación, salvamento marítimo, contaminación marítima, inspección, seguridade, Instituto Social da Mariña (ISM), portos de interese xeral e centros de investigación.

A costa galega ocupa máis de 2.500 quilómetros, o territorio do Estado con maior litoral. Destaca que nela viven 1,5 millóns de persoas e Galiza é unha potencia pesqueira, cunha mobilización de 8.800 millóns e máis de 40.000 empregos directos, 50% de todo o Estado e 10% da UE, ademais ser a décima exportadora pesqueira mundial.

Por todo iso, Bará sostén que o traspaso é "perfectamente legal e viábel", pois "Galiza xa ten estas competencias no Estatuto" e o Consultivo avala a transferencia.

Un PP “liliputiense”

Igualmente o nacionalista, cargou contra a "incapacidade" da Xunta de Alberto Núñez Feixoo e Alfonso Rueda para non conseguir ningunha competencia para a Galiza durante os seus 14 anos de goberno. Por tal motivo, aposta por desenvolver unha "auténtica axenda" para o impulso do autogoberno.

Lamenta a visión da Galiza como unha "rexión bonsai que quere este PP liliputiense" en materia de autogoberno.

Exixe "pór fin á parálise do autogoberno" e "quitar a máscara" dos executivos de Feixoo e Rueda que "estiveron 14 anos sen dar pau á auga". "Rueda e Feixoo foron e son os máximos inimigos do autogoberno", xa que "se puxeron de xeonllos diante do que ordenaban os seus xefe en Madrid".

Paralelamente, Bará criticou a lei "exprés" de ordenación do litoral que impulsa a Xunta, xa que a ve unha "casca baleira", "sen expedientes para poder tramitar" e "sen poder levar a cabo plans de ordenación", tan só na busca de "confrontación" co Goberno español. Avisa de que o Goberno galego vai legalizar " 4.000 construcións e autorizar concesións", segundo di, "vulnerando a lei como fixeron con Ence".

E é que Bará considera ao executivo da Xunta "desnortado", en "desbandada" e "en fuga para Madrid", entre o que cita a "operación salvar ao soldado Conde" que "marcha para Madrid non se sabe moi ben a que". "Son vostedes o pasado, o seu tempo xa pasou", sentenza.

Defensa do PP

Alberto Pazos Couñago (PP) foi encargado de argumentar o voto en contra do seu grupo ao considerar este texto unha "pirueta lexislativa que pretende lavar a cara do BNG" e "minusvalora o autogoberno" da Galiza.

Afea que o Bloque "afirma unha cousa e a contraria", que esta é unha "competencia exclusiva da Galiza e ao mesmo tempo afirma que esa competencia é exclusiva do Goberno do Estado e debe ser cedida á Galiza". "O que pretenden a señora Pontón e o señor Formoso é que Galiza pida permiso ao Estado para exercer as competencias que xa atribúen plenamente o Estatuto", manifestou.

Apoio do PSdeG

Mentres, Patricia Otero (PSdeG) defendeu o voto a favor do seu grupo da toma de consideración desta lei, debido a que observa "maior" seguridade xurídica fronte a unha norma galega en tramitación coa que "non se conseguirá ter as plenas competencias". De feito, remarca que o Consultivo avisa de que para o traspaso de persoal e medios resulta necesaria a luz verde por parte do Estado.

Lembra que con Emilio Pérez Touriño como presidente da Xunta buscouse a transferencia destas competencias, pero os populares bloqueárono". Así mesmo, reprobou o balance dos populares de "cero competencias transferidas á Galiza" durante 14 anos.

Comentarios