O PP anuncia a comisión das caixas para xullo

Logo de suspenderse a sesión plenaria no Parlamento galego, o Partido Popular vetaba onte a constitución da comisión de investigación sobre as caixas e a introdución, na orde do día, das iniciativas lexislativas populares de SOS Sanidade Pública e Preescolar na Casa. Nesta cuarta, a Xunta anuncia que a comisión se constituirá en xullo, malia repetir ao longo da semana que sería en setembro.

O pleno do Parlamento galego viviu no día de onte unha sesión intensa. Os cambios introducidos a última hora na axenda do presidente da Xunta de Galiza, Alberto Núñez Feijóo, verbo da recepción @s xogador@s olímpic@s; impediu que o grupo maioritario (PP), puidese rexeitar a proposta do PsdeG de introducir na orde do día un outro punto a respecto da creación dunha comisión de investigación sobre o proceso de fusión e bancarización das caixas.

A presidenta do Parlamento, Pilar Rojo, repetiu a votación do novo punto até en tres ocasións; proposta que xa fora rexeitado polo PP na Xunta de Portavoces. Ante a imposibilidade de superar o empate na votación -lembremos que o grupo popular conta coa maioría absoluta por un só escano, a presidenta decidiu suspender a sesión até despois da comparecencia do conselleiro de cultura e educación, Xesús Vázquez, momento para o cal xa estaba prevista a incorporación á sesión plenaria do presidente da Xunta.

Así mesmo, o grupo parlamentar do BNG solicitara a incorporación na orde do día, das Iniciativas Lexislativas Populares -ILP, achegadas polas plataformas SOS Sanidade Pública e Preescolar na casa; ao que a presidenta Pilar Rojo se negou. Á voceira parlamentar don BNG, Ana Pontón, foille negada a palabra argüíndo que a orde do día do pleno debe ser abordada na Xunta de Portavoces. Acto seguido, @s deputad@s nacionalistas mantivéronse erguid@s en sinal de protesta pola imposibilidade de interviren. Pilar Rojo, fíxolles unha chamada á orde e finalmente suspendeu de maneira temporal a sesión, chamando @s voceiros parlamentares ao seu despacho.


Coa reanudación do pleno, o grupo do BNG puido levar a votación as ILP, que máis unha vez contaron co rexeitamento dun grupo popular, daquela xa completo. Do mesmo xeito, foi rexeitada a proposta dos socialistas a respecto da comisión de investigación das caixas. Neste senso, tanto o BNG coma o PsdeG subliñan a grande contradición reflectiva polo goberno, que malia declarar a súa vontade por constituíren unha comisión de investigación, que segundo aseguran dende o goberno, será creada en xullo, seguen votando en contra no Parlamento. Segundo o deputado nacionalista Carlos Aymerich, a demora do Partido Popular no inicio da investigación “só leva a pensar que Feijóo ten inconfesábeis motivos para non querer que se investigue”; máis ainda logo de ser aceptada pola Audiencia Nacional a querela contra os directivos de NovaCaixaGalicia e térense detectado irregularidades no proceso de fusión e bancarización das mesmas. 

Galiza ten un presidente “indolente”

Nunha pregunta ao presidente da Xunta, a voceira parlamentar do BNG Ana Pontón, acusou a Alberto Núñez Feijóo de que todos os anuncios e plans feitos polo goberno galego rematan en fracaso. A deputada e portavoz nacionalista preguntoulle, hoxe ao presidente da Xunta, polo paradeiro do plan de emprego que xeraría 44.000 postos de traballo ou o suposto convenio asinado coa empresa petroleira mexicana, Pemex.
Ana Pontón concluíu aseverando ao presidente que “gobernar é algo máis que dar titulares de prensa” xa que segundo a voceira parlamentar, o presidente fallou a aquel@s que confiaron nel cando prometeu combater o paro e levar a Galiza pola senda do crecemento.

Así mesmo e co gallo do anuncio feito polo goberno sobre a creación da comisión de investigación en xullo, o BNG considérao un "lavado de cara e un novo exercicio de propaganda", así como salientaron as incoherencias do executivo pois entenden "onte deixaron pasar a oportunidade de constituíla no Parlamento". 

Comentarios