O PP ábrese agora a indultar a Puigdemont "con condicións"

Despois de meses de oposición radical á amnistía e dun discurso moi duro contra o independentismo, a dirección popular recoñece agora que considera necesario "un plan de reconciliación para Catalunya".
Feixoo durante un xantar de campaña do PP en Sarria (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
photo_camera Feixoo durante un xantar de campaña do PP en Sarria (Foto: Carlos Castro / Europa Press)

O PP estaría disposto a estudar un indulto condicionado a Carles Puigdemont como un plan de reconciliación para Cataluña, sempre e cando, segundo fontes do PP, o expresidente da Generalitat se comprometese de forma explícita a renunciar á vía unilateral.

Hai que lembrar que o propio Alberto Núñez Feixoo se manifestou categoricamente en contra dos indultos do Goberno de Sánchez para os independentistas condenados polo procés, entre eles o líder de ERC, Oriol Junqueras. En maio de 2021, aínda como presidente da Xunta de Galiza, Feijóo declarou que foron "un erro histórico".

O PP argumenta que a oposición de Feixoo naquela altura estaba motivada polas declaración dos indultados manifestando que ían "seguir" cometendo estes delitos, aínda que Junqueras publicou en xuño de 2021 un escrito no que renunciaba á vía unilateral e declaraba estar a favor de traballar por "unha maioría incontestábel, plural e transversal” para solucionar o conflito político “por medios democráticos”.

 

En todo caso, despois de meses de oposición radical á amnistía e dun discurso moi duro contra o independentismo, a dirección popular recoñece agora que considera necesario "un plan de reconciliación para Catalunya", enmarcando nese plan os hipotéticos indultos.

"Claro que estamos a favor da reconciliación e faremos todo o posíbel para que os que romperon a convivencia se reconcilien co Estado de Dereito e coa convivencia do país. A reconciliación é necesaria, pero nunca pode pasar pola impunidade", dixo Feixoo este sábado, durante un acto de campaña en Sarria.

Ao mesmo tempo, os populares admiten que será difícil que os xuíces acrediten que o expresidente cometeu un delito de terrorismo, tal e como lle atribúe o xuíz Manuel García-Castellón nun auto xudicial recorrido pola Fiscalía.

Este xiro de Feixoo e os populares, recuperando o discurso da reconciliación, coincide coa advertencia que Puigdemont lanzou esta pasada quinta feira nunha carta dirixida ás eurodeputadas. Nela, o expresidente suxeriu que Junts recibira ofertas secretasdo PP durante o verán, cando os independentistas aínda non decidiran se apoiarían a investidura de Pedro Sánchez.

"Hai outra cousa da que estou completamente convencido", reza o texto do expresidente. “Se o meu partido tivese permitido a investidura do candidato do PP, Alberto Núñez Feixoo, ou impedise a de Pedro Sánchez, teriamos aforrado estes espectáculos . E disto tamén falaremos cando sexa o momento. Como na trama rusa, todo se saberá".

O Partido Popular recoñeceu as conversas privadas con Junts naquela altura, aínda que sen explicar os detalles e negando que se lle ofrecera ningún tipo de medida de gracia a Puigdemont. Aínda así, Feixoo dixo en Sarria que tamén se valorou a amnistía, mais só nun breve período de tempo, “de menos de 24 horas”.

En contraste con este novo discurso da reconciliación, o PP está a dirixir os seus esforzos a tentar derrubar a amnistía con recursos como a reforma do regulamento do Senado para atrasar a súa aprobación. E mesmo empregándoa como cabalo de batalla na campaña electoral para as eleccións galegas, durante a cal o candidato popular, Alfonso Rueda, saca a relucir a cuestión catalá continuamente. Rueda mesmo chegou a argumentar, no debate da TVG, que a condonación da débeda catalá “custará a cada galego 400 euros, para todos, mesmo aos nenos que agora están durmindo”. 

Comentarios