Feixoo cualifica de "equivocación histórica" o indulto aos presos do 'procés'

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, amosouse preocupado porque o Goberno español teña aberta esa porta. "É difícil de dixerir", comentou, antes de advertir a Pedro Sánchez que "valore moitísimo" o que vai facer.
Visita do presidente da Generalitat aos presos do 'procés'. (Foto: Kike Rincón / Europa Press) #procés #generalitat #pere-aragonés #prisión #catalunya
photo_camera Visita do presidente da Generalitat aos presos do 'procés'. (Foto: Kike Rincón / Europa Press)

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feixoo, tamén amosou hoxe o seu parecer ante a posibilidade de que o Goberno do Estado español conceda o indulto aos presos do 'procés' catalán, unha cuestión que consideraría unha "equivocación histórica".

O tamén líder do PP galego está ao tanto do que está a suceder na actualidade española e pensa que a situación é "difícil de dixerir", sobre todo polas afirmacións do presidente do Executivo español, Pedro Sánchez. De feito, lembrou que o Tribunal Supremo é contrario a permitir esa saída da prisión.

Baixo o seu punto de vista, os pasos que está a dar Sánchez "a calquera demócrata prodúcenlle unha enorme preocupación".

En concreto, aludiu ás declaracións do ministro de Xustiza, Juan Carlos Campo, nas que convidou á poboación a ver os indultos "con naturalidade". Así apuntou que o temor é igual para calquera, con independencia de cal sexa a súa ideoloxía.

"É difícil de dixerir que un ministro de Xustiza dun goberno vexa con naturalidade que se indulte a persoas que crebaron a Constitución e o Código penal", reflexionou ante as preguntas dos medios. Mesmo engadiu que as persoas que están no medio deste debate "non pediron o indulto e que manifestan que van continuar con este tipo de delitos".

Por todo iso, Feixoo pediu a Sánchez que "valore" e reflexione o que vai facer, porque "non hai precedentes nunha democracia europea" de eliminar as penas a xente que "advirte que vai proseguir cun delito".

"Espero que o Goberno valore moitísimo o que vai facer. Entendo as dificultades parlamentarias, pero non todo vale. Esta explicación non é a que merecen os demócratas en España, como moito, será unha explicación dun partido, pero non dun Goberno", resumiu.

Comentarios