O Goberno español notifica á UE que quere que o galego sexa lingua oficial nas institucións comunitarias

Na actualidade, a Unión Europea conta con 24 linguas oficiais, entre as que se encontra o gaélico, que é a única lingua oficial que non é maioritaria no seu Estado. Estímase que o número de falantes de gaélico en Irlanda supera o medio millón de persoas (Irlanda ten máis de 5 millóns de habitantes).
Congreso dos deputados. (Foto: Congreso)
photo_camera Congreso dos deputados. (Foto: Congreso)

Paso adiante para o recoñecemento oficial do Galego na Unión Europea. O Goberno español solicitou na mañá desta quinta feira formalmente que galego, catalán e euskera sexan linguas con plenos dereitos na UE, segundo avanzou o diario catlán VilaWeb.

Esta foi, segundo se puido coñecer, unha das peticións que fixo Junts para desbloquear o voto para a presidencia da mesa do Congreso.

Ás 8.18 desta mañá, o embaixador permanente do Estado español na UE, Marcos Alonso, comunicou á secretaria xeral do Consello da UE, Thérèse Blanchet, que o Estado quere modificar o Regulamento 1, que marca o réxime lingüístico do bloque europeo, porque o galego, o catalán e o euskera son “linguas de pleno dereito”.

A notificación é un escrito asinado polo ministro español de Asuntos Exteriores, José Manuel Albares. A petición de oficializar as linguas oficiais podería resolverse o 19 de setembro, cando terá lugar a próxima reunión do Consello, que decorrerá en Bruxelas e estará presidida por Pedro Sánchez.

Na actualidade, a Unión Europea conta con 24 linguas oficiais, entre as que se atopa o gaélico, que é a única lingua oficial que non é maioritaria no seu Estado. Estímase que o número de falantes de gaélico en Irlanda supera o medio millón de persoas (Irlanda ten máis de 5 millóns de habitantes).

A postura de Sánchez

Pedro Sánchez comprometeuse nunha rolda de prensa ofrecida esta cuarta feira a impulsar o uso das linguas oficiais nas institucións europeas, un compromiso, dixo, que despregará ao longo da Presidencia española da UE.

Sánchez fixo este anuncio unhas horas antes de decidirse o reparto da Mesa do Congreso. A postura de Sánchez respecto das linguas oficiais contrasta coa mantida polo seu partido no relativo ás institucións estatais.

Nas diferentes ocasións que partidos nacionalistas propuxeron poder usar as linguas oficias no Congreso e no Senado españois, o PSOE votou en contra.

A última vez foi en xuño de 2022. A iniciativa conxunta de BNG, ERC, EH, Bildu, Junts, PdeCat, PNV, CUP e Compromís para poder utilizar as linguas oficiais na Cámara baixa española foi rexeitada pola maioría de PSOE, PP e Vox.

No seu debate, foille retirada a palabra ao deputado do BNG Néstor Rego por, precisamente, empregar a lingua galega no Congreso español. 

Comentarios