A lexislación española fai do galego unha lingua de segunda

A cooficialidade entre o español e as outras linguas do Estado non é real. Mentres  a obriga de usar o primeiro idioma está fixada en diversas disposicións legais, ningunha norma obriga a empregar as outras tres linguas. O Comité de Ministros do Consello de Europa ten denunciado ao Goberno do Estado español pola súa política lingüística no ámbito da Xustiza e da Administración.

Manifestación de Queremos Galego en Santiago. (Foto: Arxina)
photo_camera Manifestación de Queremos Galego en Santiago. (Foto: Arxina)

O Comité de Ministros do Consello de Europa vén reclamado desde 2016 unha modificación da Lei orgánica do Poder Xudicial para asegurar o uso das linguas cooficiais nos procedementos xudiciais a petición dunha das partes. Neste sentido, defende mudar a redacción da Lei de axuizamento civil para que o uso do galego deixe de ser unha potestade ou unha opción voluntaria de xuíces ou fiscais, incompatíbel na práctica co dereito das cidadás e dos cidadáns a solicitaren que o procedemento xudicial se desenvolva na súa lingua.

A negativa do Executivo a promover este novo marco legal levou en 2019 ao Comité de Ministros do Consello de Europa a concluír que "non houbo ningunha mudanza significativa para cumprir con esta recomendación e que o feito de obstaculizar o uso do galego perante os tribunais é unha vulneración do dereito á tutela xudicial efectiva”.

As consecuencias desta regulación están á vista. Segundo os datos achegados na memoria do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza de 2019, último ano en que apareceu información sobre esta cuestión, os diferentes órganos xudiciais galegos só procederon á revisión lingüística en galego de 145 documentos dun total de 330.956, sumando así unha porcentaxe de 0,04%.

O uso do galego na Administración do Estado está en mínimos. A este respecto, o Comité de Ministros do Consello de Europa advertiu xa en 2019 que “o Goberno español segue sen facer as modificacións legais necesarias para mellorar o uso e atención en galego en toda a Administración do Estado con sede nos territorios con lingua propia e nos órganos superiores aos que sexa necesario dirixirse onde continúa a ser imposíbel”. Nesta liña, critica que “a lexislación estatal ignora o requisito de capacidade lingüística, que só nalgúns casos é considerado mérito, mais non se exixe tal coñecemento para a provisión de prazas en territorio con lingua propia cooficial”.

A Lei do audiovisual

A recentemente aprobada Lei do audiovisual é outra mostra da marxinación das linguas cooficiais. Neste caso, a norma obriga as plataformas audiovisuais a emitir 1,5% dos seus contidos en catalán, éuscaro ou galego. Porén, todas as grandes corporacións mediáticas, como Mediaset ou Atresmedia, incumpren o fixado pola lexislación.

As linguais cooficiais  do Estado atópanse na indefensión. Mentres arredor de 500 normas obrigan ao emprego do español en diferentes esferas da vida social, non existe ningún texto legal que estabeleza a necesidade de usar o galego, conforme a xurisprudencia asentada polo Tribunal Constitucional en diferentes sentenzas. Porén, toda esta secuencia de resolucións xudiciais son coherentes co disposto no texto constitucional e coa orientación ideolóxica derivada do mesmo.

Comentarios