O BNG insta no Congreso a que o Goberno español recúe no repagamento das ambulancias

Segundo o borrador elaborado polo ministerio de Sanidade, pacientes con hemodiálise, aqueloutr@s que reciben tratamentos oncolóxicos e enferm@s crónic@s abonarán entre 6 e 60 euros polo transporte sanitario non urxente, dependendo da renda. Nacionalist@s tildan a medida de "abusiva" e máis un ataque ás competencias galegas


A deputada do BNG no Congreso Rosana Pérez vén de presentar unha proposición non de lei e unha iniciativa parlamentar en que insta o Goberno español a recuar nas medidas estabelecidas no borrador en que introduce o repagamento do transporte sanitario non urxente. Pérez pídelle ao Executivo que lidera Mariano Rajoy que negocie "en pé de igualdade" cos gobernos dos territorios e que @s enferm@s crónicas fiquen excluídas das intencións do ministerio de Sanidade, ao igual que pacientes con hemodiálise e aqueloutr@s que reciben tratamentos oncolóxicos.

De saír adiante o borrador tal e como está redactado, o departamento de Ana Mato pretende que os colectivos sinalados abonen entre 6 e 60 euros polos desprazamentos en ambulancia, dependendo a cantidade final da renda de cadaquen: seis euros para aquelas inferiores a 18 mil euros, 12 euros para as comprendidas entre 18 mil e 100 mil, e 60 euros para rendas superiores aos 100 mil euros.

A este respecto, a deputada nacionalista lembrou que o repagamento das ambulancias se fixou no decreto lei de medidas urxentes en materia sanitaria aprobado en abril polo PP. Critica Rosana Pérez unha medida que no borrador estabelece unha base de cálculo de 50 euros por traslado, independentemente do prezo real do traxecto e dos quilómetros percorridos. O BNG ve nesta medida máis un ataque ás competencias galegas, pois este transporte pagábao a Xunta no caso da Galiza, e considera que se trata "dunha medida inxusta, abusiva e que de novo fai recaer sobre os cidadáns os custes sobre servizos sociais que sempre foron públicos".

Comentarios