venres 17.01.2020

O novo conselleiro de Educación non se compromete a readmitir o persoal docente do Celga

A CIG-Ensino entrevistouse con Román Rodríguez. Para a central sindical, "constátase que o novo conselleiro vai ter unha política seguidista", afirmou Anxo Louzao. 

[Imaxe CIG]
[Imaxe CIG]

A CIG, central sindical maioritaria no ensino público galego, entrevistouse esta sexta feira (6 de marzo) co novo conselleiro de Educación, Román Rogríguez. 

No encontro o sindicato nacionalista trasladou ao novo responsábel as "propostas" e "reivindicacións" que coidan, en palabras do seu secretario nacional, Anxo Louzao, "máis urxentes". Neste senso, demandaron a "derrogación do decreto de plurilingüismo", a "restitución dos dereitos laborais do profesorado" e o seu rexeitamento á aplicación da LOMCE. 

Porén, desde a Consellaría de Educación aseguraron que ambas as dúas partes se atopan en "posicións afastadas" polo que Rodríguez, con "boas palabras" --sinala Louzao-- aseguroulles que non ía mudar a política educativa que veu desenvolvendo o anterior responsábel, Jesús Vázquez. Ora ben, acrecentou Román Rodríguez, iso non impediría a interlocución coa central sindical. 

A terza feira (10 de marzo) o Parlamento debaterá a ILP para a restitución dos dereitos do profesorado

De antemán, a vindeira terza feira o Parlamento acollerá o debate da ILP presentada pola CIG en relación cos dereitos laborais do profesorado e na que demandan a restitución das súas condicións de traballo e salariais. Previsibelmente, e após o encontro desta sexta feira, o partido maioritario na Cámara (PP) non lle dará o seu apoio embora emanar da práctica totalidade do corpo docente de Galiza. 

Así mesmo, outra das cuestións que focaron a entrevista foi o conflito coa equipa docente dos cursos Celga --despedida ilegalmente pola Xunta de Galiza, de acordo con máis de 30 sentenzas xudiciais. Desde a Consellaría de Educación, Román Rodríguez, evitou posicionarse asegurándolle @s representantes da CIG que é "unha cuestión que está xudicializada", explicou en conversa con Sermos Galiza, Anxo Louzao. 

"Dixo que este ano habería cursos mais non aclarou quen os impartirá". Pola súa banda, a central sindical exixiu a readmisión do persoal docente despedido e o cumprimento das obrigas legais que se recollen nas diversas sentenzas. Así as cousas, desde o goberno galego aseguran que non actuarán até se resolver de maneira definitiva o conflito nos xulgados. 

comentarios