Noriega ve “moi positiva” a aprobación dos orzamentos en Pontevedra

O alcalde compostelán considera que "facilita" as negociacións en Compostela para aprobar as contas. Recoñece que o que sucedese na cidade do Lérez “podería condicionar” a situación na capital de Galiza.

Martiño Noriega [Imaxe de arquivo SG]
photo_camera Martiño Noriega

Martiño Noriega considera “moi positivo” o feito de que se aprobasen finalmente os orzamentos en Pontevedra, o que se produciu grazas á abstención de Marea Pontevedra, que cambiou o non inicial ás contas presentadas polo executivo do BNG após aceptar este 5 propostas da marea. “A ninguén se lle escapa que a situación en Pontevedra podería condicionar a de Compostela e outros concellos”, manifestou esta segunda feira. O acordo “era o que moitos agardabamos na cidade e no conxunto do país”.

“O feito de que haxa un acordo en Pontevedra BNG e Marea creo que é positivo para o conxunto da esquerda do país e para os concellos que queren poñer en marcha proxectos alternativos”, afirmou o rexedor. Noriega confía que en xaneiro os orzamentos de Compostela para 2017 poidan saír adiante. Esta segunda feira mantén unha xuntanza co BNG.

Desde o BNG de Santiago sempre se desbotou a posibilidade dun escenario á pontevedresa –coa oposición unida (PP, PSOE, Marea e Ciudadanos) no 'non' fronte aos orzamentos do goberno-. O portavoz do grupo municipal nacionalista, Rubén Cela anunciara xa naquela altura que“o BNG non se vai contaxiar da Marea que pactou emendas co PP”

Comentarios