Marea cambia o non pola abstención e permite ao goberno local aprobar os orzamentos en Pontevedra

As contas foron aprobadas cos votos nacionalistas (12) e a oposición de , PP, PSOE e Cs (11). Marea Pontevedra anunciou a abstención dos seus 2 concelleiros pola “nova actitude” do goberno local, que aceptou as emendas que propuxeron ‘in voce’ durante o pleno. 

pleno
photo_camera Pleno de Pontevedra.

Finalmente, e cando ninguén o agardaba, houbo fumata branca, aprobáronse no Pleno os orzamentos propostos polo goberno local e esvaeu o escenario que moitos daban por seguro de Fernández Lores someténdose a unha cuestión de confianza. Marea de Pontevedra, que até o de agora fixera parte desa fronte que, en palabras do goberno local, se resumía en “Todos contra o BNG”, abstíñase na votación das contas para 2017, desbloqueando así a situación. PP, PSOE e Cs non sumaban por si sos votos abondo para impedir a aprobación dos orzamentos: 11 de populares e socialistas por 12 dos nacionalistas.

O pleno estaba convocado para volver debater sobre os orzamentos. Sobre a mesa, a proposta presentada polo goberno local e que a oposición rexeitara, pactando entre elas emendas que desvirtuaban as contas. Lores xa anunciara que, de non se aprobar a proposta do executivo, someteríase a unha cuestión de confianza, un instrumento que contempla a lei. A oposición pode rexeitar uns orzamentos, afirmou, mais non pode obrigar o goberno a que goberne cos orzamentos da oposición. “Estiven 12 anos na oposición”, díxolles Fernández Lores, “e se chego a actuar como están a actuar vostedes nunca chegaría a aldalde”, remachou.

O portavoz popular acusou Lores de ser “o gran privatizador de Pontevedra” e o voceiro socialista de presentar unha contas que “terían o apoio da antiga Convergencia i Unió”. Ambos os dous acusaron o rexedor de escasa vontade de diálogo.  A de Ciudadanos, pola súa banda, acusou o goberno local de saber só gobernar en base a “pan e circo”.

Diálogo

Rei Núñez (Marea de Pontevedra) comezou a súa quenda afirmando que os orzamentos que se levaban a pleno “non son fillos do diálogo” e que o executivo municipal non asumira “que non teñen maioría”. Porén, o portavoz da Marea anunciaba que supeditaba o voto da súa formación ás contas á resposta que no pleno lle dera o goberno local a seis propostas que ía realizar ‘in voce’. Variaba así a actitude mantida até entón, na que partillaba non ás contas con PP, PSOE e Ciudadanos.

A renda social municipal, o fomento do cooperativismo, actuacións en dotacións en Lourizán ou aposta no transporte metropolitano foron algunhas desas propostas realizadas desde a Marea. O grupo de goberno anunciou a súa disposición a aceptalas, o que  levou a Rei Núñez a anunciar que pasaban a absterse na votación, desbloqueando así a votación.

O cambio de voto xerou as críticas e ataques dos seus até o de agora compañeiros, nomeadamente do PP, que afirmou que se acababa de comprobar que “quen manda en Pontevedra é o alcalde de Santiago, Martiño Noriega”, mentres desde o PSOE xa falaban dunha convenencia entre BNG e Marea. Desde o BNG amosaban a súa satisfacción por aprobar as contas e desde a Marea confiaban en que separabenizaban a "nova actitude" do executivo. Rei Núñez tivo un recoñecemento expreso ao papel de Luis Villares, portavoz parlamentar de En Marea.

Comentarios