O portavoz da esquerda abertzale, a prol dunha alianza soberanista de Euskal Herria, Catalunya e Galiza

Niko Moreno, responsábel de Relacións Internacionais da esquerda abertzale, visitou Galiza convidado polo BNG no marco dos actos que a organización frontista desenvolverá a prol do dereito a decidir dos pobos.
Niko Moreno o Día da Pátria
photo_camera Niko Moreno o Día da Patria

Sermos Galiza partillou unha conversa con portavoz da esquerda abertzale arredor dos procesos soberanistas que se están a abrir no Estado español e en Europa, mais tamén sobre a experiencia concreta de Euskal Herria.

-Desde a esquerda abertzale defenden a soberanía como un medio indispensábel para a saída da crise...
-Desde a esquerda abertzale defendemos a soberanía ou o dereito a decidir como paso previo á independencia, que é o noso proxecto estratéxico. Evidentemente no contexto no que estamos neste momento a nivel do Estado español, a nivel europeo e incluso global, estamos vendo que todos os centros de decisión nin están enfocados ao pobo, nin ás clases populares nin ao mantemento dos dereitos fundamentais como colectivo. Neste sentido, somos plenamente conscientes de que como formación netamente de esquerdas e independentista é preciso ter outro modelo de produción, de relacións laborais, de financiamento, de sector público; outra escala de valores na construción do modelo socieconómico. E isto, no contexto actual precisa de estruturas propias e de soberanía. Precisamente, tendo en conta que os pasos que se están a dar --entre aspas-- para saír da crise non van solucionala no que nós entendemos que é a vida das clases populares, senón que vai en sentido de afianzar o poder das elites financeiras e oligárquicas. Polo que a necesidade dun cambio de modelo vai indisolubelmente vencellado á necesidade de poder político, de ter control sobre os poderes institucionais que permitan facer esa mudanza. Neste senso, soberanía e independencia, xunto cun novo modelo económico e social son as dúas caras dunha mesma moeda.

"Somos plenamente conscientes de que é preciso ter outro modelo de produción, de relacións laborais, de financiamento... outra escala de valores na construción do modelo socieconómico"

-En Catalunya a aposta dun amplo sector é se constituír un novo Estado mais dentro da UE. Son da mesma opinión?
-Nós con Catalunya o que partillamos neste momento é a loita polo dereito a decidir. Tamén vemos con bos ollos a acumulación de forzas que se dá nese sentido. Sabemos que dentro desa acumulación existen forzas que poden ser desde federalistas até independentistas, para alén de que nós partillamos cento por cento este último proxecto. Porén, neste intre, o proceso que se está a levar a cabo en Catalunya a prol do dereito a decidir como paso previo á disposición de resortes de Estado, é totalmente partillábel con nós. Evidentemente a respecto do modelo social con CiU temos diferenzas importantes, non o compartimos. No entanto, vemos con ilusión o que está a acontecer.

-Escocia ou Catalunya xa puxeron calendario para a realización de consultas. Para cando un referendo en Euskal Herria?
-Nós quixeramos que iso puidera ser canto antes. Mais na nosa folla de rota [da esquerda abertzale] son precisas que se dean unhas condicións previas. Nós vimos dun conflito armado moi longo que está aínda en fase de resolución porque a desactivación da loita armada por parte de ETA non significa a resolución do conflito, nin entrar nunha etapa posterior. Entón, para nós é primordial resolver as partes do conflito que están pendentes. Aí temos dunha banda a cuestión dos presos e as presas políticas; desenvolver unha política de rexeneración e reconciliación e, con posterioridade, sería cando puidésemos entrar nunha outra fase que nos levaría a un diálogo político global que permitise chegar a esa consulta. Entendemos que neste momento é máis importante desenvolver os puntos do Acordo de Aiete, como paso previo para acadar a normalización política.

"O proceso de paz en Euskal Herria atópase onde o levou a esquerda abertzale. E isto dáse porque outros axentes que deben ser partícipes teiman en manter políticas de bloqueo"

-En que punto se atopa o proceso de resolución do conflito?
-Atópase no punto até onde a iniciativa propia da esquerda abertzale o levou. E isto dáse porque outros axentes que deben ser partícipes teiman en manter políticas de bloqueo. Entendendo como fundamental a desactivación da fase armada do conflito e logo pasar a unha etapa de normalización, ese paso está dado, mais vemos que as políticas de bloqueo por parte do Estado español e do Goberno do PP de non dar ningún paso, non xa na política penitenciaria, senón no estabelecemento dun diálogo coa organización ETA para abordar o desmantelamento das estruturas militares, fai que non avance como nós desexariamos e como entendemos que a sociedade de Euskal Herria o demanda. Doutra banda, o que si que percibimos é que o camiño emprendido é o correcto, nótase, en manifestacións como a do sábado pasado. Tamén nos resultados electorais nas últimas eleccións ao Parlamento basco, a situación que se dá en Nafarroa... A sensación que nós temos é que o camiño emprendido é o correcto e que as condicións efectivamente son reais. Porén, estamos vendo que quen interpretan desde un punto de vista centralista que non teñen moito que gañar con isto optan por unha situación de bloqueo. Neste senso, iso exixe pola nosa banda audacia e imaxinación, tamén compromiso e paciencia. E nesa fase estamos, mais debemos continuar dando os mesmos pasos que até o de agora, de acumulación e de loita ideolóxica para obrigar a quen non queren dar o paso a movérense.

-Que papel xoga Sortu neste proceso e como avanza a constitución desta nova organización?
-Vou responderche ao revés [ri]. O proceso constituínte avanza desde que se puxo a andar. Ten unha data fixada, simbólica ou a máis importante que é o 23 de febreiro cando se celebre a Congreso constituínte. Esta fin de semana abordaremos a terceira fase das reunións após a discusión das bases ideolóxicas e de liña política, na que debateremos sobre o modelo de organización. Polo de agora está habendo unha grande participación e moitísimas aportacións. De feito, o traballo entre xuntanza e xuntanza é tremendo á hora de organizar todas as propostas e alternativas que son trasladadas ás asembleas para que se voten e posteriormente sexan incluídas no documento a debate. O proceso vai como estaba previsto en datas. Mais non remata no Congreso, a partir do 23 de febreiro entraremos na fase de organización interna e logo de desenvolvemento dos diferentes elementos ideolóxicos e políticos que van na ponencia. Neste senso, o papel que cremos debe xogar Sortu debe ser de motor en tanto que desde unha perspectiva netamente independentista e de esquerdas interpretamos que o proceso iniciado en Euskal Herria, e a acumulación de forzas que se está a dar arredor de EHBildu, precisa dun motor e dunha estrutura ideolóxica e de militancia moi forte. Ese é o papel que cremos debe xogar Sortu. Por suposto, sen menosprezar os demais compañeiros de viaxe, neste caso, EA, Alternatiba, Aralar ou Abertzaleen Batasuna.

"EHBildu precisa dun motor e dunha estrutura ideolóxica e de militancia moi forte e ese é o papel que cremos debe xogar Sortu"

-Finalmente, após as eleccións do 21-O, non foi posíbel un acordo de goberno entre EHBildu e PNV.  Cais foron as razóns?
-Talvez tampouco era o momento, non? Xeráranse espectativas en boa medida alimentadas desde medios de comunicación pouco proclíveis a esa acumulación de forzas e falábase da pantasma soberanista, dunha nova deriva após o de Catalunya... Iso xerou unhas espectativas previas que nos levan a facer esa pregunta. En primeiro lugar hai unhas diferenzas no modelo fiscal, económico e de relacións para co Estado bastante importante neste momento entre PNV e EH Bildu. Doutra banda, está tamén a diferenza na lectura da situación, en como abordar a resolución do conflito e encamiñarnos cara á un proceso de restitución e de acceso ao dereito a decidir. Nese senso, o PNV pretende centrar os seus esforzos alá onde é forte que é na CAV e non partilla unha visión global dun proceso soberanista para toda Euskal Herria. Existen diferenzas que fan que non sexa o momento para ese acordo. Tampouco EH Bildu cre que sexa o momento de xestionar unha situación que non xeramos, na que non dispoñemos de ferramentas e, sobre todo, se non se entra nunha confrontación aberta con quen está a xestionar as políticas económicas desde Madrid, e desde logo, desde Bruxelas, pouco tiñamos que facer aí. Entón, non é o momento malia que semellase que após as eleccións estaba todo feito, é mellor abordar todas estas situacións con paciencia e sobre todo, ir paso a paso. Aliás, nós desde EH Bildu temos que desenvolver máis o modelo económico alternativo e afondar máis nas relacións coa sociedade nese sentido, dispoñendo dunha visión global de como abordar o proceso para toda Euskal Herria e non só para a CAV.

-A aproximación entre forzas nacionalistas de Galiza, Euskadi e Catalunya, plasmarase nunha nova alianza soberanista?
-Ese é un horizonte que non hai que perder de vista endexamais. Aí está o propio debate da re-organización do Estado español. Por un lado, o PSOE, que anda no seu debate federalista; por outro, o PP,  que aposta claramente por un proceso de recentralización. Nese contexto, as voces das nacións históricas -e daquelas que desde a esquerda e o soberanismo reivindican outro modelo de Estado e de relacións económicas, sociais, políticas e institucionais- deben ser escoitadas. Que iso conflúa nunha alianza soberanista depende de como se formule. Xa houbo unha primeira formulación na que participou a esqueda abertzale nunhas eleccións europeas, Iniciativa Internacionalista. Evidentemente se existen elementos para confluír sería moi interesante exploralos.

Comentarios