Estes son os 23 representantes galegos no Congreso

Catro populares serán senadores e alcaldes simultaneamente.
De esquerda a dereita os deputados electos Tellado, González, Moraleja, Pérez, Miñóns, Taboadela, Lois, Rego, Pastor, Garrido, Pui, Regades, Adrio, Pose, Martínez, Conde, De Olano, Abades, Gómez, Vázquez, Delgado, Quintana e Martín. (Foto: Nós Diario)
photo_camera De esquerda a dereita os deputados electos Tellado, González, Moraleja, Pérez, Miñóns, Taboadela, Lois, Rego, Pastor, Garrido, Pui, Regades, Adrio, Pose, Martínez, Conde, De Olano, Abades, Gómez, Vázquez, Delgado, Quintana e Martín. (Foto: Nós Diario)

O pasado domingo, 23 de xullo, a Galiza elixiu os 23 deputados e deputadas que a deberán representar no Congreso español durante os vindeiros catro anos. O PP logrou nestas eleccións 13 dos 23 representantes totais, por volta de 7 do PSdeG, 2 de Sumar e 1 do BNG.

Pola circunscrición da Coruña, que escolleu oito representantes, estréase no Congreso Miguel Tellado (PP), aínda que no seu salto a Madrid con Alberto Núñez Feixoo, a cuxo núcleo duro pertence, estivo na Cámara Alta como senador por designación autonómica. Marta González e Tristana Moraleja (PP) repiten como deputadas na Cámara baixa, após varios mandatos. No Parlamento galego, Moraleja ocupou cargos en varias Consellarías. Álvaro Pérez (PP) é unha das caras novas, home de máxima confianza de Feixoo.

Néstor Rego (BNG) repite como deputado. Foi concelleiro en Compostela e na actualidade forma parte da Executiva da formación nacionalista.

José Miñóns (PSOE), outra das caras novas, foi delegado do Goberno español na Galiza até ser nomeado ministro de Sanidade. Obdulia Taboadela (PSOE), aínda que xa formou parte do Senado, estréase no Congreso. Foi subdelegada do Goberno español na Coruña.

Marta Lois, que fora concelleira por Compostela Aberta e na actualidade é a presidenta de Sumar, incorpórase ao Congreso por vez primeira. 

Pola circunscrición de Pontevedra, que escolleu sete representantes, repite por novena vez, Ana Pastor (PP), que xa foi ministra de Sanidade e de Fomento. Súmanse á bancada popular Irene Garrido, que volve ao Congreso após causar baixa en 2014, e Pedro Pui, que cambia o Parlamento da Galiza polo Congreso. 

David Regades, ex delegado da Zona Franca de Vigo; Margarita Adrio, que xa fora senadora; e Modesto Pose, tamén foi deputado autonómico e senador, son as tres caras novas que os socialistas incorporan ao Congreso pola circunscrición de Pontevedra.  

Pola súa parte, Verónica Martínez, que presidiu o Consello Galego de Relacións Laborais e foi directora de Traballo con Yolanda Díaz, é unha das caras novas que representará Sumar. 

Lugo e Ourense

A circunscrición de Lugo escolleu catro representantes: tres do PP e un do PSOE. Francisco Conde, ex vicepresidente da Xunta da Galiza e ex ministro de Economía e Facenda; Jaime de Olano, que repite por cuarta vez; e Cristina Abades, que foi xefa territorial da Consellaría de Política Social, son os deputados do PP.

Mentres que o socialista José Ramón Gómez Besteiro tamén se estrea na Cámara baixa, após estar apartado da política e volver á primeira liña como delegado do Goberno español.

Ourense tamén escolleu tres deputados do PP por un do PSOE. Os veteranos do PP Ana Vázquez e Celso Delgado estarán acompañados de Rosa Quintana, que se estrea no Congreso.

Pola súa parte, Margarita Martín, responsábel de Política Social do PSdeG, estréase na Cámara española. 

José Manuel Baltar e José Manuel Rey Varela serán designados senadores 

Gallego, Casal, Ruiz, Bugallo, Barreiro, Gómez, Serrano, Mogo, Leyte, Menor, Sánchez, Vilarino, Pardo, Arévalo, Crespo e Silva. (Foto: Nós Diario)
Gallego, Casal, Ruiz, Bugallo, Barreiro, Gómez, Serrano, Mogo, Leyte, Menor, Sánchez, Vilarino, Pardo, Arévalo, Crespo e Silva. (Foto: Nós Diario)

Cinco dos 12 representantes que conseguiu o PP o 23-X son tamén rexedores após conseguir maioría absoluta nos seus municipios o pasado 28-M: Luís Menor, Pereiro de Aguiar (comarca de Ourense); Mª José Gómez, Guntín (comarca de Lugo); Xosé Crespo, Lalín (Deza); e Nidia Arévalo, Mos (comarca de Vigo).

A esta lista súmanse o alcalde de Ferrol, José M. Rey Varela, e o ex presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar, que serán designados senadores no Parlamento esta sexta, xunto cun senador do BNG.

Tamén serán senadores os populares Rosa Gallego, Verónica Casal, Manuel Ruiz, José M. Barreiro, Juan C. Serrano, Carmen Leyte e María José Pardo, Rosa Sánchez.

Xosé Sánchez Bugallo, César Mogo, Rafael Vilarino e Carmela Silva representarán o PSOE.

Comentarios