Néstor Rego exixirá ao Goberno español "respectar o dereito de reclamación colectiva sindical e a representatividade da CIG"

Farao na súa pregunta ao ministro da Presidencia, Félix Bolaños, ao que exixirá que "deixe de pór paus nas rodas" ás organizacións sindicais como a CIG.
Néstor Rego durante unha intervención parlamentaria (Foto: Nós Diario).
photo_camera Néstor Rego durante unha intervención parlamentaria (Foto: Nós Diario).

O portavoz do BNG no Congreso español, Néstor Rego, exixirá a vindeira cuarta feira, na sesión de control ao Goberno estatal, "respectar o dereito de reclamación colectiva sindical e a representatividade da CIG".

Farao na súa pregunta ao ministro da Presidencia, Félix Bolaños, ao que exixirá que "deixe de pór paus nas rodas" ás organizacións sindicais como a CIG e "respecte a súa lexitimidade para denunciar ante o Comité Europeo de Dereitos Sociais o incumprimento polo Estado español da Carta Social Europea" en relación co salario mínimo interprofesional (SMI).

"Hai un conxunto de actuacións por parte do Estado español tendentes a dificultar o dereito de reclamación colectiva que son inaceptábeis e incompatíbeis co respecto ao traballo sindical", manifestou Rego.

Desta maneira, o nacionalista explica que o que está en cuestión é que o salario mínimo se sitúe "de verdade" en 60% do salario medio, sobre os 1.253 euros ao mes, seguindo os criterios do Comité Europeo de Dereitos Sociais.

Así, preguntará ao ministro se o Goberno estatal "dará marcha atrás" nas prácticas realizadas contra os sindicatos, especialmente contra a CIG, e "recoñecerá a súa lexitimidade á hora de denunciar o incumprimento polo Estado español da Carta Social Europea" en relación ao SMI.

"Por que o Goberno está a interferir e poñendo dificultades para que as organizacións sindicais poidan exercer o dereito de reclamación colectiva ante o Comité Europeo de Dereitos Sociais?", preguntará concretamente Néstor Rego na Cámara Baixa.

Neste sentido, o deputado do BNG cuestionará a presentación de alegacións que pretenden "impugnar a lexitimidade" da CIG, a primeira central sindical na Galiza, para interpor unha reclamación polo "incumprimento" da Carta Social Europea en relación ao SMI.

Ao seu xuízo, esta intervención do Goberno estatal "non é acorde con ese discurso que pretenden trasladar de recoñecemento da pluralidade nin tampouco respecta a legalidade".

Comentarios