Néstor Rego emendará os orzamentos do Estado propondo reducir o IVE a 10% aos salóns de peiteado

O BNG levará vía emenda aos Orzamentos Xerais do Estado para 2022 a demanda do sector dos salóns de peiteado para que se lles reduza o IVE a 10%.

Mobilización en Santiago pola redución do IVE nos salóns de peiteado. Imaxe de arquivo (Foto: Nós Diario)
photo_camera Mobilización en Santiago pola redución do IVE nos salóns de peiteado. Imaxe de arquivo (Foto: Nós Diario)

O proxecto de Orzamentos Xerais do Estado para 2022 contarán cunha emenda que avoga por reducir o IVE a 10% aos salóns de peiteado, estética e barbarías. Así o adiantou esta sexta feira, 22 de outubro, o deputado do BNG na Cámara Baixa, Néstor Rego, após reunirse con representantes do sector. 

A proposta, explicou o nacionalista, "vese arroupada porque en pleno confinamento, esta actividade considerábase esencial e seguiu operando para dar un servizo público". A iniciativa xa fora presentada no pasado pola anterior deputada do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, despois de que o PP subise o IVE de 8% a 21% en 2012.

Unha loita que continuou até a actualidade con iniciativas presentadas tamén no Parlamento galego e no Congreso. O propio Rego, de facto, presentou nos pasados Orzamentos Xerais do Estado unha emenda para baixar o IVE a 10% nesta actividade.

"Non é admisíbel que este sector continúe a ter o tipo máis alto do imposto", denuncia Rego

"O sector está a pagar as consecuencias dunha decisión inxusta e o cambio de posición de PP e PSOE segundo gobernan ou non", dixo Rego en relación a esa suba de 13 puntos do IVE en 2021, que supuxo que o sector decidise non incrementar os prezos ante unha posíbel baixada do consumo. "Non é admisíbel que este sector continúe a ter o tipo máis alto do imposto", denunciou Rego.

O parlamentario nacionalista remarcou que o Estado está presidido polo PSOE, "partido que apoiaba a baixada do IVE cando se atopaba na oposición", polo que entende que, desta volta, "terá que apoiar esta emenda que presentaremos nos orzamentos". De non facelo, advertiu, moitas e moitos profesionais terán que fechar os seus negocios ou mesmo pasar á economía submerxida.

"As perruqueiras e perruqueiros están a cumprir cunha imporante función social, pois, ademais da estética, tamén se encargan de atender as necesidades de moitas persoas dependentes e mesmo de avanzada idade que precisan asear o seu pelo. Non é vaidade, é hixiene" destacou o deputado nacionalista.

"É de xustiza que, agora, en plena crise xerada pola Covid-19 e despois de moitos anos aguantando, o Goberno do Estado leve a cabo as actuacións necesarias para axudar ao sector", concluíu.

Comentarios