Os centros de estética demandan a redución do IVE nos Orzamentos do Estado

Ducias de traballadoras e traballadores dos centros de estétca concentráronse esta segunda feira en Compostela convocados pola plataforma 'Crer en Nós' para exixirlle ao Goberno español que inclúa a rebaixa de impostos para o seu sector nos Orzamentos Xerais.
Protestas dos centros de estética en Compostela (Nós Diario).
photo_camera Protestas dos centros de estética en Compostela (Foto: Nós Diario).

Os salóns de peiteado, barbarías e estética concentráronse esta segunda feira na praza do Obradoiro para exixirlle ao Goberno español que inclúa nos Orzamentos Xerais do Estado (OXE) a demandada redución do imposto sobre o valor engadido (IVE) ao 10%.

A protesta deste sector, que se reivindica como "esencial", estivo convocada pola plataforma que aglutina as mobilizacións deste persoal autónomo co nome de 'Crer en Nós'.

Ducias de representantes destes negocios berraron lemas como 'Sánchez, escoita, esta  é a nosa loita', 'IVE ao dez, somos esenciais', ou 'dez por cento xa", protagonizaron unha sonora concentración reivindicativa con pancartas e mesmo unha representación na que varios manifestantes mostraron a asfixia á que se ven sometidos por mor das decisións do Executivo español e os cambios negativos que padeceron nos últimos anos.

Contra unha "medida temporal"

A coordinadora na Galiza da plataforma, Ánxeles Salgueiro, explicou en rolda de prensa que estes estabelecementos e as súas traballadoras asumiron o esforzo da suba do IVE de até 13 puntos exercida a partir do ano 2012.

Unha medida supostamente "temporal" que se adoptou nese momento debido á situación económica do Estado español, lembrou, mais que se mantén en vigor case "dez anos" despois a pesar do contexto que atravesa o sector. 

"Levamos 50.000 salóns fechados. Xa abonda", denunciou Salgueiro, que calculou que na actualidade na Galiza hai 2.000 traballadoras e traballadores, entre autónomas e empregadas, "sen posto de traballo e co negocio fechado", polo que non poden "continuar así". Por este motivo reivindican ser un "sector esencial" e exixen que as súas peticións entren nos OXE.

Piden "un pouquiño de cordura" ao PSOE e ao Goberno de Pedro Sánchez para que cesen no veto exercido ás mocións e propostas aprobadas no Senado nas que se plasmaban as súas reivindicacións.

"Se somos un país democrático non se pode vetar unha maioría aprobada no Senado", insistiu, para instar a que se recolla esta redución nas contas deste ano 2021. Salgueiro sinalou que a plataforma decidiu levar as súas mobilizacións ás rúas "desde hai ano e medio" e xa impulsaron máis de 400 por todo o Estado.

Comentarios