28-M

Pontón chama a votar o BNG para "unha Galiza libre da corrupción do PP"

A líder nacionalista ve un PP "desnortado, embarrado na corrupción, que non ten nada que ofrecerlle á Galiza", polo que incide en que "a alternativa o 28 de maio é o voto ao BNG".
Francisco Jorquera e Ana Pontón, esta terza feira, na Coruña. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Francisco Jorquera e Ana Pontón, esta terza feira, na Coruña. (Foto: Nós Diario)

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, fixo esta terza feira un chamamento a "sumar" na formación que lidera "o voto de todas as persoas que anhelan construír unha Galiza en grande e libre da corrupción do PP", algo que empezarán a facer, asegurou, desde os concellos. Nunha nova xornada marcada pola situación de Ourense, e nun acto no que acompañou o candidato do Bloque na Coruña, Francisco Jorquera, Pontón volveuse dirixir a todas as persoas que "levan á Galiza na cabeza e no corazón" para que "unan o voto no BNG".

"É o momento de que se sume todo o voto inconformista e rebelde na papeleta do BNG, porque temos capacidade para poder construír un país mellor desde os concellos, esa garantía é coa que nos presentamos este próximo 28 de maio", salientou. A líder nacionalista incidiu en que "esa é a nova Galiza que aspira a pór en marcha" a súa formación, e que suporía "rexenerar a democracia e deixar atrás a corrupción do PP".

"Quero dicirlle a toda esa cidadanía inconformista que, fronte a un Partido Popular que ampara a corrupción con tal de manterse no poder, que fronte a un [Alberto Núñez] Feixoo e un [Alfonso] Rueda que están a amparar a corrupción de [José Manuel] Baltar e [Gonzalo Pérez] Xácome, a alternativa é o BNG", manifestou.

Ana Pontón ve un PP "desnortado, embarrado na corrupción, que non ten nada que ofrecerlle á Galiza", polo que incide en que "a alternativa o 28 de maio é o voto ao BNG". Por iso é polo que chama a "encher as urnas de rebeldía e de inconformismo", facendo "unha aposta clara pola rexeneración democrática", porque este país "merece moito máis do que estamos a ver en Ourense".

Os nacionalistas galegos lamentan os "sucesivos escándalos protagonizados tanto polo presidente da Deputación como polo alcalde letal", en especial despois de coñecerse esta terza feira que o propio Feixoo "era coñecedor da trama de Xácome pero seguiu mirando para outro lado para manterse no poder". "Fronte a todo iso, a alternativa é o BNG para ese voto inconformista e rebelde dunha cidadanía crítica, que quere máis para este país, que está convencida de que podemos construír unha Galiza en grande, que deixe atrás ese branco e negro que representa o PP", reiterou.

Área metropolitana

A líder do Bloque fixo estas declaracións na Coruña, desde onde acompañou Francisco Jorquera na presentación da "ambiciosa proposta da área metropolitana" para pór en marcha unha "ferramenta capaz de mellorar a vida e as oportunidades dunha poboación de 600.000 persoas", xerando oportunidades e "sumando sinerxías no económico, social e cultural".

Así as cousas, a dirixente nacionalista instou a "sumar" na candidatura que encabeza Jorquera o voto de "todos" os coruñeses e coruñesas que queren pór en marcha un modelo alternativo de cidade, "de vangarda, con sustentabilidade, feminista, en verde e máis xusta". Unha cidade que debe "recuperar o seu impulso, saír da rutina e dar un paso adiante para converterse nun referente tanto dentro como fóra da Galiza".

"No BNG confiamos na Coruña porque o ten todo: potencial, sectores económicos potentes, xente traballadora e capacidade para poder innovar, pero necesita un novo impulso e un novo modelo de cidade que é o que representa e defende Jorquera", concluíu.

"Que non nos amolen"

Esta mesma terza feira o BNG respondeu a través das súas redes sociais aos cartaces nos que o PP denunciaba os "agravios" de PSOE, BNG e Podemos e nos que os 'populares' reprobaban estas formacións políticas. "Que non nos amolen" é a resposta da formación nacionalista, que se presenta como a "principal alternativa" ao PP.

"Clientelismo, corrupción, amizades perigosas, servilismo a Madrid, galegofobia... Queremos unha Galiza viva, próspera e con futuro", chiou o BNG, cunha imaxe na que se ve o presidente do PP, Alberto Núñez Feixoo; o do PPdeG, Alfonso Rueda; o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e entrecortado o alcalde da cidade das Burgas, Gonzalo Pérez Xácome.

Comentarios