VÍDEO NO INTERIOR

Beiras: "A resistencia está no voto nacionalista"

"A esquerda española estrita, dado o recital de estupideces e desencontros, de falta de lucidez e de memoria histórica desde o pasado ano, sufriu unha catástrofe. Pero o nacionalismo, desde a cuestión nacional, resistiu moito mellor", dixo esta cuarta feira desde a Selic de Santiago.
Intervención de Beiras na Selic. (Foto: Europa Press)
photo_camera Intervención de Beiras na Selic. (Foto: Europa Press)

O veterano político nacionalista Xosé Manuel Beiras participou esta cuarta feira na Semana do Libro de Santiago de Compostela (Selic) para presentar dúas das súas obras editadas por Laiovento. Na súa intervención, e en resposta a preguntas do público, volveu realizar unha análise sobre as eleccións municipais do pasado 28 de maio, nas que se produciu, dixo, unha "catástrofe" a esquerda, se ben "o nacionalismo emancipador resistiu mellor", nomeadamente Bildu en Euskadi e o BNG na Galiza, precisou.

"Non só non retrocederon [as forzas nacionalistas], senón que avanzaron fronte aos fascismos", afirmou, polo que extraeu a "lección" de, por unha parte "e a pesar de todo", saudar "con esperanza" o acordo entre as esquerdas españolas "e a ver se o saben conducir". E, no caso das nacións sen estado, posicionarse en que "a resistencia está no voto nacionalista progresista".

"Esta é a miña conclusión", sentenciou. Con todo, Beiras tamén deu un voto de confianza para as "esquerdas españolas en sentido estrito" arredor do proxecto Sumar, impulsado por Yolanda Díaz, para confiar en que "sexan capaces" de artellar a "credibilidade necesaria" e poidan "facer fronte á abstención" o vindeiro 23 de xullo.

Cigarro en man, Xosé Manuel Beiras parlamentou durante varios minutos cos alí presentes compartindo as súas análises sobre a situación política actual tanto na Galiza como no Estado. "A esquerda española estrita, dado o recital de estupideces e desencontros, de falta de lucidez e de memoria histórica desde o pasado ano, sufriu unha catástrofe. Pero o nacionalismo, desde a cuestión nacional, resistiu moito mellor", incidiu.

"A esquerda estrita ten menos resistencia fronte ao fascismo porque non ten a mesma capacidade de mobilizar o voto que os nacionalismos emancipadores, que resisten moito mellor", engadiu.

Voto para o nacionalismo galego

Esta terza feira, nunha entrevista concedida á axencia Europa Press, o histórico dirixente pediu o voto para o nacionalismo galego, que, sen mención explícita, situou nun BNG que o representa hoxe "nas institución". "Eu podo fiarme máis diso, polo que vimos, que do que poida facer a esquerda española propiamente dita", manifestou.

Sobre Sumar, precisou: "Nunca falei mal de Yolanda [Díaz], negueime. Non lle dou munición ao meu inimigo principal [...] Deséxolles moi boa sorte, lucidez e serenidade, e que enfunden as navallas, cando menos, até dentro de dez anos. Uns e outras, non é só un individuo, é do colectivo".

Comentarios