Conclusións do Proceso Adiante (II)

"É necesario recuperarmos a lingua para a primeira liña do discurso"

A situación da lingua e da cultura da Galiza é "grave", mais non "irreversíbel" se se estabeleceren "liñas de actuación, estratexias e discursos que fagan virar este panorama actual". Esta é a principal conclusión do Proceso Adiante en materia de idioma e cultura do país.

Adiante Vigo
photo_camera Asemblea do Proceso Adiante en Vigo

Boa proba da importancia que o Proceso Adiante -a dinámica de relanzamento do proxecto nacionalista posta en marcha polo BNG após a XV Asemblea Nacional e na que participaron arredor de 1.800 persoas, 600 delas non militantes- outorga á situación da lingua e da cultura do país é que estes asuntos focaron a Mesa 2 dos debates, imediatamente a seguir aquela, a Mesa 1, que se debruzou sobre a realidade económica do país.

"Tanto a lingua como a cultura de noso están nun proceso de perda de adhesión" social, constata a Mesa 2 do Proceso Adiante, como diagnose apartir da cal concluír aquilo que debe ser feito para reverter a situación. Preocupa da lingua que se producise unha "perda importante e falantes" e da cultura a "cada vez maior introdución de fenómenos culturais foráneos (mesmo tradicións) e a substitución dos propios".

As persoas participantes no debate poñen en valor o traballo feito polo nacionalismo neste campo ao longo da historia e tamén consideran que a radiografía feita do estado da cuestión é, no sustancial, correcta. En todo caso, si achan que a "diagnose" precisará dunha "adecuación na forma de poñer en práctica o tratamento, porque a contorna, a sociedade, a conxuntura, son moi diferentes".

Houbo relaxación no BNG, entenden desde o Proceso Adiante, e por iso agora resulta clave "recuperarmos a lingua para a primeira liña do discurso político"

Hai espazo para a autocrítica, o de que durante anos o nacionalismo non puxo suficiente acento na política lingüística, en parte porque entidades como a Mesa pola Normalización Lingüística e asociacións culturais xa cubrían -e moi ben, entenden desde a Mesa 2- ese flanco. En todo caso, houbo relaxación no BNG, entenden desde o Proceso Adiante, e por iso agora resulta clave "recuperarmos a lingua para a primeira liña do discurso político". E non só no plano do combate lingüístico, senón tamén no plano da loita pola emancipación nacional: "Cómpre facermos dela [da lingua] de novo a chave que nos abra a porta a unha maior concienciación de Galiza como nación", afirman os textos das conclusións desta mesa de debate do Proceso Adiante.

Adaptación

Como en todas as materias sobre as que se debruza o Proceso Adiante, tamén na política sobre a lingua o nacionalismo debe adaptarse aos novos desenvolvimentos, ás mudanzas operadas na sociedade galega. Nada é estático e a lingua e os fenómenos sociolingüísticos están vivos e mutan co tempo. "As formas de imposición do español, por exemplo, mudaron. As maneiras en que se reprime o galego son hoxe máis disimuladas, sibilinas, e non por iso menos perigosas". Isto tamén é predicábel do aparecimento, e imposición desde o exterior, de manifestacións culturais alleas á nación galega. "O xeito en que chegan fenómenos culturais para ficar e substituír os propios, é moi distinto ao de hai, xa non cincuenta nin corenta, senón ao de hai mesmo dez ou vinte anos. Tamén mudou a forma en que se introduce no imaxinario colectivo a pertenza a un ente 'nacional' que non é noso (se antes era através de coerción e represión, hoxe faise a través de cousas tan 'inocentes' como o deporte, por exemplo"), conclúen as persoas participantes no debate.

"As maneiras en que se reprime o galego son hoxe máis disimuladas, sibilinas, e non por iso menos perigosas"

E, tamén como noutros flancos da batalla das ideas, a adaptación ás novas realidades sociolingüísticas e culturais pasa por mudar o discurso, por asumir un rexisto "empático" e "proactivo", cunha "nomenclatura propia" e desde a concepción de que as persoas nacionalistas "somos axentes normalizadores".

Unha das conclusións do debate é que nalgúns sectores sociais, e moi nomeadamente na mocidade, os preconceitos do pasado contra o galego deron paso á indiferenza, un virus letal para a normalización e contra o que só se pode combater sabendo que esta é unha loita "prolongada no tempo" .

Ben, até aquí, as análises. E as propostas?

Serían sinteticamente as seguintes:

  • Recuperar a lingua para o primeiro plano político.
  • "Positivizar" o discurso. Firmeza, si, mais desde a empatía e coa mocidade como principal target.
  • Mellorar a calidade da lingua entre a militancia e cargos institucionais e orgánicos do BNG.
  • Revisar a actuación do BNG alá onde goberna, no que respeita á lingua e á cultura.
  • Crear novos espazos e alternativas para a lingua e a cultura.
  • Apostar no ensino monolingüe
  • Alentar a militancia a se manter activa na exixencia dos seus dereitos como galegofalante.
  • Fomento do emprego dos símbolos nacionais (bandeira, himno...).
  • Achegamento ao reintegracionismo. Adopción da norma internacional do galego para certos usos e documentos.

En definitiva, o Proceso Adiante, a antesala da XVI Asemblea Nacional do BNG,  quer para o galego o rol de bandeira do proxecto político do nacionalismo na Galiza. A relaxación non é unha opción. O idioma perde espazos e falantes. Hai que reaxir e facelo xa. Ese apelo é a achega das persoas participantes no debate previo ao conclave frentista de finais de marzo.

Comentarios