Nace en Melide o Partido Galego, nova formación galeguista

Esta nova formación ten entre a súa militancia algunhas persoas que participaron no proxecto Compromiso por Galicia.
A Casa de Cultura de Melide acolleu a presentación do Partido Galego (Nós Diario)
photo_camera A Casa de Cultura de Melide acolleu a presentación do Partido Galego (Nós Diario)

Este sábado naceu un novo proxecto político na Galiza: o Partido Galego. Presentouse en Melide, e entre os seus membros atópase Xosé Mosquera, exmembro de Compromiso por Galicia e vinculado coas diferentes correntes galeguistas ao longo da historia.

Ademais de Mosquera, atópase Xesús Ares, que estará á fronte da área de Coordinación do novo partido, que se ofrece como un "proxecto transversal, galeguista e cunha visión  europeísta e de converxencia".

O resto de integrantes da comisión permanente serán Maximino Vázquez (portavoz), Óscar Casais (organización), Montse Almozara (finanzas), Xabier Vázquez (municipal), José Antonio Díaz Rodríguez (empresas), Paula María Rey (autónomos) Anxo Franco (emprego), Rubén Vilasenín (Medio ambiente), Cristina Barcia (comunicación) ou Xabier Pintos (medio rural).

Durante a presentación do proxecto, Mosquera incidiu na necesidade de impulsar un partido "en defensa" da sociedade e da lingua propia, que estea "convencido" de que se sitúa nun marco europeo e que debe "mirase á Eurorrexión".

Por iso, este novo partido debe primar a "interlocución" e o diálogo para recibir os "impulsos que hai na sociedade" e construír este país "con todos".

A data e o lugar elixidos non foron casuais, pois decembro é un mes de referencia histórica para a política galega, tanto por ser o mes do nacemento do Partido Galeguista do ano 31 como por ser o lugar e mes da celebración hai 500 anos da Asemblea de Melide.

"Temos que estar atentos a eles, ser receptivos e ter unha capacidade de diálogo moi grande", engadiu, pero sen caer en "apriorismos".

Comentarios