domingo 19/09/21

Moción de censura a ritmo de verán en Malpica de Bergantiños

O PP farase coa Alcaldía de Malpica de Bergantiños co apoio dun edil non adscrito, que saíu hai pouco máis dunha semana do Goberno local. Eduardo Parga (PP) retomará cunha moción de censura o bastón de mando que perdera hai dous anos.
Valentín Formoso, presidente da Deputación da Coruña, co alcalde de Malpica, Walter Pardo.(Foto: Deputación da Coruña)
Valentín Formoso, presidente da Deputación da Coruña, co alcalde de Malpica, Walter Pardo.(Foto: Deputación da Coruña)

Cando o 11 de agosto se fixo pública a dimisión no Goberno municipal de Alfredo Cañizo, edil non adscrito que se presentara en 2019 por Ciudadanos, só quedaba un dato por coñecer, cando se presentaría a moción de censura contra Walter Pardo, alcalde de Malpica de Bergantiños, que lidera unha coalición na que aínda quedan PSdeG e BNG.

Pois ben, onte, o Partido Popular (PP) malpicán resolveu esa cuestión ao rexistrar unha moción de censura na corporación que o levaría á Alcaldía co apoio de Cañizo; despois das últimas eleccións municipais en 2019, o PP conta con seis edís, por catro do Partido dos Socialistas da Galiza (PSdeG), dous do Bloque Nacionalista Galego (BNG) e un para Cañizo.

A partir deste trámite, comeza un prazo de dez días para que decorra o pleno no que se vote a moción que, agás sorpresa maiúscula, leve a Eduardo Parga (PP) á Alcaldía bergantiñá. Parga xa ostentara o bastón de mando en dúas ocasións, até o proceso electoral hai dous anos.

Durante a súa xestión, Cañizo formou parte do Goberno local, mais a relación persoal foise deteriorando até o punto de ser condenado Cañizo a pagar unha multa de 300 euros por ameazar o daquela alcalde.

“Intereses persoais”

Cañizo, que foi expulsado de Ciudadanos despois de entrar na coalición con PSdeG e BNG, tamén é fundador e presidente de Alternativa de Independentes de Malpica (AIM). O ex responsábel municipal de Seguridade Cidadá, Tráfico, Medio Rural, Mar e Turismo, entre outras, xustificou a súa dimisión na “parálise” do Concello, e por sentirse “tratado como un inimigo”, principalmente por parte do alcalde.

Na despedida tamén aludiu a súa relación con Parga, que respondeu acusando a Cañizo de impulsar os seus “intereses persoais”.

Walter Pardo, alcalde de Malpica, retruca a Cañizo que a relación entre eles “só foi dura pola súa banda”, e explica que “non se dialoga con quen non quere dialogar”, tras compartir dous anos de Goberno que describe como un intento de bloqueo constante por parte do edil non adscrito.

Todo isto despois de estar “durante anos a labazadas” con Parga, continúa Pardo, que salienta os intereses “escuros” detrás dunha moción que “estaba cociñada hai meses”, e que forma parte da estratexia de oposición do Partido Popular en toda a Galiza, “só que en Malpica lle saíu ben”.

Un dos motivos da moción para o aínda alcalde, é a intención do PP de evitar o desenvolvemento dun remanente de 800.000 euros que incluía a construción dun parque infantil, un saneamento, a creación dunha rede de camiños entre as parroquias de Malpica, ou a renovación da rede eléctrica e as luminarias.

Amais de confirmar que permanecerá na oposición e agradecer o traballo aos edís da coalición, o rexedor confía en que nas vindeiras municipais, a vila elixa "con máis forza" as políticas “novas e modernas”.

A dirección provincial do PSdeG, xestionada polo presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, incidiu en que a moción “demostra que PP e Cañizo comparten un único obxectivo: acceder ao poder a calquera prezo”.

Pola outra banda, o BNG de Malpica está a analizar o tema internamente, e informa de que hoxe transmitirá a súa posición por medio dun comunicado.

comentarios