venres 27/11/20

O Supremo pon en cuestión a legalidade dos Gobernos de Viana do Bolo e de Castrelo de Miño

A sentenza que vén de ditar o Tribunal Supremo pola cal os e as edís tránsfugas non poden asumir novos cargos que supoñan melloras políticas e económicas espertou os primeiros movementos na política municipal da man do BNG, nos casos de Castrelo de Miño e Viana do Bolo. Antes da sentenza xa o fixera Marea Atlántica, co caso da Coruña.

Acompañado da deputada Noa Presas e encabezado polo ex alcalde, Secundino Fernández, o grupo municipal do BNG de Viana do Bolo presentou na mañá do 30 de outubro o recurso.
Acompañado da deputada Noa Presas e encabezado polo ex alcalde, Secundino Fernández, o grupo municipal do BNG de Viana do Bolo presentou na mañá do 30 de outubro o recurso.

O BNG vén de presentar en Castrelo de Miño e en Viana do Bolo dous recursos contra os plenos de organización que supuxeron a perda das alcaldías nacionalistas debido a dous episodios de transfuguismo.

Os recursos baséanse na citada sentenza do 26 de outubro de 2020 que determina que os concelleiros non adscritos non poden asumir novos cargos ou retribucións que supoñan melloras políticas ou económicas.

No caso de Viana do Bolo, o BNG, da man do ex rexedor Secundino Fernández, presentou un recurso extraordinario de revisión en contra da convocatoria do pleno da moción de censura do 1 de setembro en que saíu elixido alcalde Abelardo Carballo, nese momento concelleiro non adscrito tras abandonar o seu grupo de procedencia, o PSdeG, que non amparaba a moción.

Os nacionalistas expoñen que se trata dunha convocatoria "nula de pleno dereito" por "figurar como candidato á Alcaldía un edil non adscrito". Ademais, nomeouse tenente de alcalde outro edil non adscrito, Santiago Barja. Tanto o rexedor como o tenente de alcalde asumiron cargos e retribucións que melloraron a súa condición política e económica.

Castrelo de Miño

No caso de Castrelo, a moción de censura contra Esteban Suárez prosperou o 11 de agosto co apoio dos tres edís do PP e de dous edís declarados tránsfugas polo PSdeG. Desde o grupo de non adscritos, Francisco Pérez e Jaime Fontanes apoiaron a moción de censura obtiveron melloras políticas e económicas contra o criterio do seu grupo de procedencia.

Foi así como obtivo o bastón de mando o popular Avelino Pazos. O 31 de agosto o pleno deulle a primeira tenencia de Alcaldía a Pérez e a terceira a tenencia de Alcaldía, cunha dedicación de 23.000 euros ao ano, a Fontanes.

O BNG reclama no recurso, ao que accedeu este medio, a nulidade de pleno dereito dos nomeamentos e retribucións, así como a devolución íntegra de "todos os cobros feitos por estes dous concelleiros de forma irregular e ilegal".

A Coruña

Antes de coñecerse a sentenza, a Marea Atlántica presentara no Concello da Coruña un recurso de reposición para solicitar a nulidade do nomeamento da ex edila de Ciudadanos, Mónica Martínez, como membro do Goberno local. "O Supremo dános a razón", sinalaba a formación política a respecto da sentenza. 

Martínez anunciou en xuño que abandonaba Ciudadanos e que continuaba na Corporación como edila no grupo mixto. En setembro, era nomeada concelleira de Deportes e vía incrementado o seu salario. A  Marea Atlántica volveu pedir a destitución "inmediata".

Deputación de Ourense

Miguel Caride, quen fora man dereita do alcalde ourensán Gonzalo Pérez Jácome, foi nomeado vicepresidente da Deputación de Ourense tras ser destituído o anterior –de Democracia Ourensana– por ser afín a Jácome.

comentarios