A mocidade independentista convoca manifestación na véspera do Día da Patria

Sob o lema 'A mocidade mantendo viva a Galiza. Independencia' Agir, AMI, Briga, Comités, Galiza Nova, Isca!, Liga estudantil galega e Xeira chaman a se manifestar o 24 de xullo porque, din, "non estamos dispostas a que continúen a destruír o noso futuro, a nosa nación, as nosas vidas".

Manife
photo_camera Imaxe da manifestación de 2013 [SG]

A convocatoria do pasado ano rematou nunha nutrida manifestación, mais os acontecementos quixeron que o sinistro ferroviario en Angrois relegara calquera mobilización a un segundo plano. Este vindeiro 24 de xullo as organizacións xuvenís soberanistas convocan de novo á mocidade galega a saír á rúa para reivindicar, din, "a clara e unánime vontade" de "sermos artífices do noso propio futuro". 

En comparecencia de imprensa na praza da Quintana (Compostela) representantes de Agir, AMI, Briga, Comités, Galiza Nova, Isca!, Liga estugandil galega e Xeira presentaron o cartaz e o manifesto de convocatoria da mobilización que partirá da Alameda na véspera do Día da Patria. Unha mobilización, subliñaron, coa que amosar o "entusiasmo" e "alegría" daquelas persoas que "ansiamos unha Galiza soberana e con futuro". 

Razóns para "tomar as rúas"

É por iso que o lema elixido para a manifestación é 'A mocidade mantendo viva a Galiza. Independencia'. E as razóns que debullan para "tomar as rúas" da capital galega, salientan, son "máis" que as de hai un ano. "Desde o 24 de xullo de 2013 somos 27.000 mozas menos na Galiza", subliñaron a respeito das cifras de emigración xuvenil que acrecentan a crise demográfica que atinxe o país. Aliás, denuncian "o desemprego xuvenil aumentou un 35% e os nosos salarios e as condicións laborais empeoraron". 

"Desde o 24 de xullo de 2013 somos 27.000 mozas menos na Galiza e o desemprego xuvenil aumentou un 35%", denuncian

As organizacións xuvenís independentistas están certas de que a responsabilidade desta situación recae na UE, o Estado español e o goberno da Xunta de Galiza cuxas políticas, aseguran no manifesto feito público esta terza feira, abocan a mocidade á "emigración e precariedade laboral". 

Mais as reivindicacións non fican aí. Denuncian a anulación do dereito das mulleres a decidiren sobre os seus corpos coa reforma da lei do aborto que prevé aprobar o goberno español; a queda do número de falantes en lingua galega; a aprobación da LOMCE, a "impunidade" na sentenza do Prestige, ou "progresivo aumento da represión contra os movementos sociais e a militancia independentista" como algunhas das razóns que motivan a convocatoria. "Agresións" din dirixidas desde "o capital, España e o patriarcado" contra "as mozas, contra as mulleres e contra o noso pobo". 

Comentarios