Miñóns fai balance "positivo" no fechamento do ano 2022

O delegado destaca a achega da Administración á cidadanía
José Miñóns na reunión da Comisión de Asistencia ao Delegado. (Foto: Europa Press)
photo_camera José Miñóns na reunión da Comisión de Asistencia ao Delegado. (Foto: Europa Press)

O delegado do Goberno español na Galiza, José Miñóns, fixo esta segunda feira un balance positivo no fechamento dun ano "de apoio histórico á Galiza" por parte do Goberno de Pedro Sánchez, e co obxectivo cumprido que marcou desde a súa chegada hai máis dun ano e medio: "achegar a Delegación á cidadanía".

Nesta liña, o delegado do Executivo estatal destacou a recente iniciativa 'A Administración cerca de ti', impulsada hai un mes polo Ministerio de Política Territorial en colaboración coa Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), e da que xa se beneficiaron 62 dos 240 concellos galegos incluídos neste plan, cun cumprimento de máis de 25% do total en catro semanas.

Miñóns explicou que nestes encontros "non só se resolven dúbidas" senón que "axudan a xestionar trámites, para evitar que a cidadanía teña que desprazarse a outras poboacións para poder realizalos". O catálogo de servizos electrónicos das subdelegacións ofrece 125 trámites telemáticos.

"Que ninguén se sinta desprazado"

O delegado trasladou o seu agradecemento aos concellos pois "non sería posíbel sen a súa implicación" e anunciou que seguirán a traballar nesta liña. "Buscamos que o Estado español estea máis presente no territorio e, en particular, nos municipios menos poboados" co obxectivo de que "ninguén se sinta desprazado á hora de realizar trámites telemáticos e que a cidadanía dispoña da información adecuada para as súas xestións coa Administración".

"Buscamos que o Estado español estea máis presente no territorio e, en particular, nos municipios menos poboados"

Miñóns tamén recordou as visitas a 160 concellos desde a súa chegada ao cargo para trasladar as liñas de financiamento do Goberno estatal nos municipios. Así, subliñou que o Plan de recuperación xa leva despregados case 2.000 millóns de euros na Galiza, máis de 1.200 con investimentos que serán xestionados pola Xunta da Galiza.

Tamén puntualizou que, das máis de 200 convocatorias resoltas no país, hai xa 7.240 persoas beneficiadas, puntualizando que 1.030 axudas chegaron a entidades locais e organismos públicos, e máis de 5.500 a empresas e centros de investigación ás que se suman particulares ou fundacións.

Comentarios