O Goberno español recoñece que cumpre só a metade dos compromisos coa Galiza

O Goberno español cumpriu 53% dos seus compromisos coa Galiza, porcentaxe que a final deste ano será de 61%. Estas foron dúas das cifras que ofreceu onte o delegado do Executivo español, José Miñóns, que afirmou que desde que Pedro Sánchez é presidente, a Galiza recibe 700 millóns de euros mensuais.
O delegado do Goberno español na Galiza, José Miñóns, presentou o informe de rendición de contas do Executivo estatal coa Galiza. (Foto: Arxina)
photo_camera O delegado do Goberno español na Galiza, José Miñóns, presentou o informe de rendición de contas do Executivo estatal coa Galiza. (Foto: Arxina)

José Miñóns, delegado do Goberno español na Galiza, compareceu na mañá desta terza feira en Santiago de Compostela para presentar o informe de rendición de contas do Executivo estatal na Galiza correspondente ao exercicio 2022.

O delegado afirmou que o Goberno español "cumpriu" na Galiza 53% dos compromisos adquiridos "e iso a pesar das dificultades sobrevindas pola pandemia e pola invasión de Ucraína, que nos levaron a adquirir novos compromisos segundo foi avanzando a lexislatura", sinalou. Malia estas dificultades, Miñóns apuntou que o Goberno do Estado "traballa" co obxectivo de elevar este grao de cumprimento a 61% a finais deste ano. "A diferenza doutros momentos, este é un Goberno que dá a cara e hai un presidente do Goberno, Pedro Sánchez, que enfronta os problemas e que responde con medidas a cada complicación", manifestou.

Remarcou que "en cinco anos de Goberno de Pedro Sánchez", a Xunta recibe 42.696 millóns de euros, "32% máis que nos anos anteriores de Goberno do PP", o que supón que "a Xunta recibe unha media de 700 millóns de euros ao mes para o seu financiamento". De aí a apelación do delegado ao Goberno da Xunta para que actúe con "responsabilidade" á hora de "executar" esas transferencias de financiamento. Neste sentido, o delegado subliñou que o Goberno español elevará en 2023 un 24% a achega que destina á Xunta en concepto de financiamento e sumará 9.400 millóns de euros ás transferencias históricas que destinou á Galiza nestes cinco anos

Catro bloques de "compromisos"

O delegado do Goberno español enmarcou os compromisos en catro bloques. Un primeiro de medidas de dinamización e impulso económico, onde destaca o inicio da construción da primeira fragata F-110 nos estaleiros de Navantia en Ferrol". Un segundo bloque recolle os compromisos cumpridos en cohesión territorial e desenvolvemento de infraestruturas. O terceiro bloque apela á transición ecolóxica e apoio á innovación; e o cuarto bloque céntrase na cohesión social, onde dixo que o Goberno sumou 60.000 persoas beneficiarias do Ingreso Mínimo Vital e revalorizou 767.000 pensións.

Perte: 16.000 empresas beneficiadas

O delegado tamén presentou os datos relativos á execución do Plan de recuperación, transformación e resiliencia (Perte), sinalando que o Estado comprometeu xa 1.700 millóns de euros deste plan na Galiza. Miñóns informou que xa están en marcha 2.500 proxectos vinculados a estes plans, "dos que se benefician 1.600 empresas, así como outras institucións e entidades". 

AP-9

Miñóns dixo que se destinaron 23 millóns de euros á bonificación das peaxes da AP-9 desde a posta en marcha desta medida hai un ano. Opina que "o que máis lles preocupa aos galegos non é tanto a transferencia desa autoestrada", "senón a bonificación".

Rego pide rebaixar o "triunfalismo" e Gómez Reino insta a "mellorar"

"Pór como logro que se cumpre 53% dos compromisos é cando menos curioso", manifestou Néstor Rego (BNG) a Nós Diario a respecto da comparecencia de José Miñóns. O deputado nacionalista no Congreso afirma que "parece que temos que conformarnos coa metade daquilo que comprometeu o Goberno" e sinala que os avances desta lexislatura son "consecuencia directa" do acordo co BNG para a investidura de Pedro Sánchez, entre o que citou as bonificacións da AP-9.

Pola súa parte, Antón Gómez Reino (Unidas Podemos) manifestou a este medio que o "compromiso do Goberno español coa Galiza é positivo", se ben se pode mellorar, e apelou ás medidas sociais adoptadas nestes anos e que beneficiaron miles de galegos e galegas.

Comentarios