A militancia do PSdeG referenda os acordos de Pedro Sánchez de cara á investidura

Segundo a táboa de resultados publicadas polas redes sociais do partido, na Galiza votaron 61,8% das bases, dun censo total de 10.040 persoas, na consulta que estivo aberta de maneira telemática entre o 30 de outubro e o 3 de novembro. O sábado, día 4, podíase votar presencialmente.
Acto do PSdeG en Rianxo polo Día da Patria Galega (Foto: PSdeG).
photo_camera Acto do PSdeG en Rianxo polo Día da Patria Galega (Foto: PSdeG).

A militancia do PSdeG-PSOE avalou con 84,56% os acordos para a investidura do secretario xeral, Pedro Sánchez, como presidente do Goberno español.

Segundo a táboa de resultados publicadas polas redes sociais do partido, na Galiza votaron 61,8% das bases, dun censo total de 10.040 persoas, na consulta que estivo aberta de maneira telemática entre o 30 de outubro e o 3 de novembro. O sábado, día 4, podíase votar presencialmente.

Na federación galega houbo 5.247 'si', 84,56% dos votos emitidos, fronte a 916 'non', o 14,76%. Así mesmo, houbo 0,68% de abstencións ou votos nulos.

Desta forma, pese ao amplo aval aos acordos de Sánchez, a federación galega foi a cuarta de todas as do Estado coa menor porcentaxe. Tan só foi máis baixo en Castela-A Mancha (78,57%), Asturias (81,85%) e Aragón (82,35%).

Este domingo compareceu desde a sede do PSOE na rúa Ferraz o secretario de Organización, Santos Cerdán, para celebrar o "forte aval" da militancia socialista ao secretario xeral e criticou que o Partido Popular "nunca" consultou ás súas bases "os pactos da vergoña" con Vox.

Datos estatais

Castela-A Mancha, Asturias e Aragón son as comunidades con maior porcentaxe de socialistas en contra dos acordos de investidura do secretario xeral e presidente do Goberno estatal en funcións.

En concreto, as bases do PSOE ratificaron os acordos de Sánchez cun respaldo de 87,13%, é dicir, 95.365 militantes votaron a favor, mentres que o 11,93% votou en contra (13.053 afiliados). A participación foi de 63,41%.

As federacións socialistas responderon maioritariamente cun si en todos os territorios aínda que a porcentaxe varía en función dos territorios, segundo os datos facilitados este domingo polo PSOE.

Ceuta encabezou os apoios cunha porcentaxe de 94,3%, seguida do País Valencià (92,72%), Melilla (91,07%), Canarias (91,01%) e Euskadi (90,18%).

Por encima da media de respaldo aos acordos de investidura tamén se situaron Nafarroa, cun 89,1%, Illes Balears (88,78%), Andalucía (88,28%), Madrid (88,18%), A Rioxa (87,62%) e Murcia (87,5%).

Comentarios