Sánchez admite que non era o seu "plan" mais defende a amnistía en Catalunya "en nome de España e da convivencia"

O PSOE preguntará á súa militancia sobre os pactos de goberno: "Apoias o acordo para formar un goberno con Sumar e lograr o apoio doutras formacións políticas para alcanzar a maioría necesaria?".
Pedro Sánchez convocou hoxe o Comité Federal do PSOE para pedirlle o aval aos pactos de investidura. (Foto: Jesús Hellín / Europa Press)
photo_camera Pedro Sánchez convocou hoxe o Comité Federal do PSOE para pedirlle o aval aos pactos de investidura. (Foto: Jesús Hellín / Europa Press)

O presidente do Goberno español en funcións e secretario xeral do PSOE, Pedro Sánchez, asegurou este sábado que Catalunya "está lista para o reencontro total", e defendeu a aprobación dunha Lei de amnistía. "No nome de España, no interese de España e da convivencia entre españois, defendo hoxe a amnistía en Catalunya", dixo, ante o Comité Federal do PSOE, e xustificou esta ferramenta como modo de "afianzar" o reencontro entre o Estado esapañol e Catalunya.

Sánchez xustificou as novas "medidas de graza" para evitar un Goberno da dereita coa extrema dereita e recoñeceu que antes das eleccións non se propuña a amnistía para agora. "Non era o noso plan para este momento", admitiu. Porén, defendeu que "hai que facer a necesidade virtude". E a amnistía, avanzou, "non é o fin do camiño".

A dirección do PSOE aprobou a pregunta que formulará á súa militancia sobre o pacto con Sumar e polos posíbeis acordos con "outras formacións" coas que negocia, entre outras cuestións, a amnistía. A consulta durará unha semana e terá que ser aprobada polo Comité Federal dos socialistas deste sábado.

"Apoias o acordo para formar un goberno con Sumar e lograr o apoio doutras formacións políticas para alcanzar a maioría necesaria?", di a pregunta. Os militantes terán que responder agora de maneira presencial ou telemática até o próximo 3 de novembro.

Na pregunta non se menciona explicitamente unha posíbel lei de amnistía, aínda que si se interpela a militancia sobre os posíbeis acordos que o PSOE podería adoptar coas formacións independentistas que a reclaman, tal e como adiantara esta sexta feira o propio Sánchez.

Comentarios