Feixoo defende os pactos con Vox co mesmo argumento que lle criticou a Sánchez: "Estabilidade antes que novas eleccións"

O líder do PP asegura que non lle "incomodan" as fotos con Abascal e agradece á extrema dereita o seu apoio na investidura e na formación de gobernos de coalición en territorios como Estremadura ou o País Valencià.
Alberto Núñez Feixoo, en rolda de prensa. (Foto: Gabriel Luengas / Europa Press)
photo_camera Alberto Núñez Feixoo, en rolda de prensa. (Foto: Gabriel Luengas / Europa Press)

O líder do PP, Alberto Núñez Feixoo, admitiu esta cuarta feira que nas eleccións estatais do pasado 23 de xullo "penalizou" que o PSOE sacase o "dóberman" cos pactos dos populares coa extrema dereita de Vox en varias comunidades autónomas e concellos españois. Tamén asegurou, nunha entrevista en Onda Cero, que non lle "incomoda" unha foto co líder da formación ultra, Santiago Abascal, na manifestación contra a unha hipotética Lei de amnistía convocada para o próximo 8 de outubro en Barcelona por Societat Civil Catalana (SCC).

"Hai fotos miñas co señor Abascal saudándonos no Congreso dos Deputados. Agradézolle publicamente os seus votos porque sen os 33 escanos de Vox eu non me podería presentar á investidura, e sen os 33 votos favorábeis de Vox eu non podería ser presidente do Goberno", xustificou o ex presidente da Xunta da Galiza, que tamén insistiu en que agradece "moito" os "votos incondicionados" de Vox e que o partido ultraespañolista aceptase "non entrar no Goberno" en caso de ser investido presidente e chegar á Moncloa.

E escudouse para defender os seus acordos nun argumento moi semellante ao que utilizou en reiteradas ocasións o líder do PSOE e presidente en funcións do Goberno español, Pedro Sánchez, para responder aos ataques da dereita polos seus pactos con forzas soberanistas como BNG, EH Bildu ou Junts: "Eu non quero pactar con Vox, pero o que é evidente é que, antes de repetir eleccións en València e en Estremadura, pensamos que era mellor asumir, a pesar de que estivésemos en campaña electoral, o desgaste, e darlle un Goberno estábel a Estremadura e a València", alegou Feixoo.

Iso mesmo lembroullo o xornalista Carlos Alsina: "É un argumento semellante ao que defende Sánchez, que hai que dar estabilidade ao país e evitar eleccións e para iso pactar con Junts". E Feixoo, visibelmente contrariado, limitouse a responder: "Si, si, sen ningunha dúbida. Se de argumentos estamos sobrados".

Preguntado por se cre que o rexeitamento de boa parte da poboación do Estado á extrema dereita é o que finalmente "salvou" Pedro Sánchez nas eleccións do 23 de xullo, o líder popular apreciou que o "obxectivo" do líder socialista "non é que non goberne Vox" senón que "non goberne o PP", e engadiu que o partido de Abascal é un "salvavidas fantástico" para Sánchez.

"Non acepto o feito de que se imputen ao Partido Popular os acordos con Vox, porque o PP tentou desde o principio cumprir a proposta da lista máis votada", salientou, para queixarse a continuación de que o PSOE dixese que "non" a esa iniciativa. Porén, o propio Feixoo incumpriuna autorizando pactos con Vox en territorios onde a lista máis votada fora a socialista, como Estremadura.

E, a este respecto, reiterou que fixeron eses pactos con Vox en diferentes comunidades autónomas porque había uns prazos e podían repetirse as eleccións, aínda que recoñeceu que eses acordos influíron negativamente na campaña electoral. Ao seu entender, iso sabíao Sánchez e adiantou as estatais "para tentar que a necesidade de pactar con Vox e non repetir nalgunhas comunidades autónomas puidese mobilizar o electorado de esquerdas".

"E debemos dicir que esa segunda parte conseguiuna", aseverou, para recalcar que o PSOE trasladou que podía vir "a ultradereita" a esas autonomías e "diminuír os dereitos do colectivo LGBTI" ou "os dereitos das mulleres", así como "privatizar a sanidade ou privatizar a educación". "En fin, todo este dóberman que montou o Partido Socialista, que agora por certo esqueceuse", apostilou.

Comentarios