“Máxima prioridade” aos problemas ferroviarios na Galiza: Pontón remite unha carta ao novo ministro de Transportes

Demanda solucións que garantan un servizo puntual e de calidade como o aumento de servizos, frecuencias e prazas nas conexións entre cidades

Viaxeiras agardando na estación de tren da Coruña, ante o atraso do convoi. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Viaxeiras agardando na estación de tren da Coruña, ante o atraso do convoi. (Foto: Nós Diario)

Logo dunhas semanas nas que os atrasos e as cancelacións nas liñas ferroviarias que conectan as cidades galegas se sucedesen día a día, a candidata do BNG á Presidencia da Xunta da Galiza, Ana Pontón, remitiu unha carta ao novo ministro de Transportes e Mobilidade Sostíbel, Óscar Puente, para demandar a “máxima prioridade e esforzo” na resolución dos problemas que sofren os servizos ferroviarios do Eixo Atlántico e que “están afectando diariamente ás miles de usuarias que utilizan o tren para acudir ao seu posto de traballo ou estudios ou para realizar outras tarefas propias do día a día”.

Así, na misiva, Pontón lembra ao ministro que desde primeiros de setembro, os trens do Eixo Atlántico (especialmente algúns servizos de media distancia, da liña Avant e da conexión A Coruña-Lugo) víronse afectados por “continuos retrasos, avarías, cancelacións, incidencias, masificacións e falta de prazas”, problemas que nas últimas semanas se teñen agravado até o punto de converterse “practicamente en diarios”.

A tamén portavoz do Bloque recorda a Puente que a Galiza carece “de momento” de servizo de proximidade, previsto para esta lexislatura en virtude do acordo de investidura asinado polo BNG, polo que, “mentres tanto, os galegos e as galegas están apostando decididamente polo tren utilizando os servizos do Eixo Atlántico como medio de transporte para a mobilidade diaria”.

“Un auténtico pesadelo”

Non obstante, “durante este curso, e especialmente agravado neste trimestre, os servizos ferroviarios téñense convertido nun auténtico pesadelo” para os usuarios e usuarias que cada mañá acoden ás estacións de tren de “Compostela, A Coruña, Vigo, Ourense ou Lugo, entre outras”, indica para recalcar a continuación que as incidencias convertéronse “nunha constante” e a situación derivou “en caótica” algúns días, como aconteceu esta semana.

“Entendendo que terá que pórse ao día de numerosas cuestións do Ministerio, emprazámolo a que solucione a situación dos servizos ferroviarios na Galiza como problema urxente e inmediato para rematar co grave problema de mobilidade xerado polas deficiencias continuas nos servizos de tren”, reclama a candidata.

Segundo indica Pontón na súa carta, desde o BNG “cremos que a situación xa ten chegado a un límite, independentemente das numerosas causas que alega Renfe”, entre as que cita as derivadas da infraestrutura, dos operadores ou as técnicas.

“Non se xustifica a acumulación constante de problemas no medio dunha dinámica que delata abandono ou desidia”, afonda.

Máis frecuencias adaptadas ás “necesidades”

Neste sentido, apunta a necesidade de “aumentar as frecuencias e servizos do Eixo Atlántico nos tramos de primeira hora da mañá, de mediodía e de tarde-noite” para adaptalos ás necesidades de mobilidade da cidadanía.

“Observará a mesma deficiencia nos trens MD e AVANT, cuxos horarios non se axustan ás demandas existentes e comprobará a masificación que sofren os trens do Eixo Atlántico nas conexións entre cidadese a habitual falta de prazas que demostran a necesidade de aumentar servizos e prazas”, incide.

Logo de recordar que os galegos e galegas seguen esperando pola posta en marcha dos trens Avril, a candidata a presidir a Xunta remata a súa carta demandando a Puente a máxima atención a unha situación que está alterando de maneira importante a vida diaria dos galegos e galegas que apostan polo tren para os traslados diarios. “É importante non dificultarlles o tránsito, senón facilitárllelo”, conclúe.

Comentarios