Varias incidencias rexistradas a primeira hora da mañá desta cuarta feira provocaron atrasos nas conexións ferroviarias entre Ourense e A Coruña, e na liña do Eixo Atlántico entre a cidade herculina e Vigo. No primeiro caso o atraso foi debido a unha "incidencia operativa" e, no caso da liña Vigo-A Coruña, foi unha "incidencia técnica" a que impediu que o convoi non puidera continuar á altura de Vilagarcía (O Salnés).
As incidencias rexistradas nesta cuarta feira súmanse ás acontecidas tanto na segunda como na terza feira, o que provocou de novo as queixas das persoas usuarias polos problemas no servizo. Despois de que a pasada segunda feira o deputado do BNG no Congreso español, Néstor Rego, urxira o Goberno do Estado a solucionar os continuos atrasos nos trens, os deputados do PP fixeron esta cuarta o propio. Os populares rexistraron unha pregunta para exixir o novo ministro de Transporte, Óscar Puente, solucións ante o que cualifican de "caos" ferroviario por "recorrentes deficiencias e atrasos que afectan as usuarias e os usuarios" a diario".
Tamén Rego volveu insistir na gravidade do problema e, logo de xuntarse con representantes das plataformas de usuarias Perder o Tren e Afectados polo Tren de Media Distancia, solicitou esta cuarta feira a comparecencia de Puentes. Así, o BNG demanda que Transportes dea conta das medidas que adoptará o Ministerio para acabar cos "continuos atrasos, cancelacións e incidencias nos servizos ferroviarios da Galiza".
A este respecto, o delegado do Goberno español na Galiza, Pedro Branco, que anunciou esta semana a toma de "medidas urxentes", volveu insistir esta cuarta feira en que a Administración está "traballando intensamente" para solucionar as incidencias nas conexións ferroviarias, aínda que admitiu que, "polo momento", non hai "novidades".
Folga en Renfe e Adif
Aos atrasos nas frecuencias sumarase esta sexta feira, o 30 de novembro e o 1, 4 e 5 de decembro unha folga de persoal de Renfe e Adif en protesta polo traspaso de Rodalies –o servizo catalán de tren de proximidade– á Generalitat Catalunya no marco do acordo de investidura.
Por este motivo suprimiranse 65% dos servizos de Media Distancia, nuns servizos mínimos cualificados como "abusivos" pola CXT, que se mostrou en contra de que as Comunidades Autónomas xestionen os servizos ferroviarios.