Ana Pontón xa é, oficialmente, a candidata do BNG á Presidencia da Xunta da Galiza: "Síntome preparada"

O Consello Nacional da formación nacionalista vén de avalar a candidatura de Pontón á Presidencia do Executivo Galego
Ana Pontón, candidata do BNG á Presidencia da Xunta da Galiza, este sábado na xuntanza do Consello Nacional. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Ana Pontón, candidata do BNG á Presidencia da Xunta da Galiza, este sábado na xuntanza do Consello Nacional. (Foto: Nós Diario)

Ana Pontón será a candidata do Bloque Nacionalista Galego nas vindeiras eleccións galegas. O Consello Nacional do BNG, reunido na mañá deste sábado, 25 de novembro, aprobou por unanimidade que a portavoz da formación nacionalista sexa a candidata á Presidencia da Xunta da Galiza. 

Así, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, ficou formalmente proclamada candidata á Presidencia da Xunta da Galiza para as vindeiras eleccións galegas, "convóquense cando se convoquen", unha cita na que non se estrea pero á que acode coa convicción de que está "máis preparada" ca nunca e de que son as eleccións nas que se pode culminar o "cambio" e situar a unha "presidenta coas mans libres".

"É o momento do BNG", salientou este sábado ante o Consello Nacional, o máximo órgano de decisión entre asembleas que, cun sonoro aplauso, deu por concluído un proceso no que logrou practicamente o cento por cento dos apoios das case 3.000 persoas que participaron nas asembleas comarcais.

Pero a líder nacionalista avisa de que o logro de alcanzar a Xunta non depende dunha persoa, senón do "equipo", afirmando que o do BNG é o "mellor". E isto, nun contexto no que mirou ao pasado e ao futuro para advertir de que o "BNG é hoxe a alternativa ao PP" porque "soubo facer as cousas", "acertou pondo o foco nos grandes retos do país", "alargou" as súas bases e "teceu alianzas".

"Alargamos e tecemos alianzas, agora estamos na recta final para lograr o obxectivo de liderar a Xunta. Isto non depende dunha persoa, senón do traballo de todas e de todos", salientou, para apelar simpatizantes, militantes e dirixentes a "pisar o acelerador".

Pontón avisou de que os nacionalistas "non poden nin queren fallar" no obxectivo de "deixar atrás o desastre do PP, que está en tempo de desconto, un tempo que pensa que pode frear con cheques". "Os galegos non se compran, señor Rueda", avisou.

Fuxir das "batalliñas estatais"

A portavoz nacional do BNG tamén advertiu de que "as forzas estatais" tratarán de trasladar á Galiza "as súas batalliñas madrileñas", pero lanzou a mensaxe aos seus de que "non son as nosas" guerras nin as que "necesita este país", unha mensaxe co que, ao cabo, chama aos nacionalistas galegos a tratar de eludir o contexto e as mensaxes que emanen das direccións estatais dos demais partidos e buscar o foco nas cuestións que estean intimamente ligadas ao territorio galego.

Pontón indicou que se as forzas estatais levan ás eleccións galegas as "batalliñas" é porque "no fondo a Galiza non lles importa e non teñen un proxecto que ofrecer aos galegos". "E por iso o BNG lidera a alternativa", dixo, para salientar que "é o momento do BNG" para un Goberno "sen submisión, sen ataduras e é o momento de facer historia cunha muller presidenta libre para defender aos galegos".

Ligado ao seu discurso e despois de que o dirixente popular Miguel Tellado suxerira que Vox non debía presentarse nas eleccións galegas, e en resposta ás preguntas dos medios se do mesmo xeito que este dirixente ela tamén defendía que non houbese máis alternativas no espazo da esquerda aínda en construción; Pontón contestou que o BNG "é unha forza democrática" e "todas as forzas políticas pódense presentar". "O PP xa nos anuncia que vai perder as eleccións", apostilou.

 

Máis en POLÍTICA
Comentarios