18-F

Marta Lois: “Sumar non é obstáculo para o cambio”

Bustinduy afirma que o "voto para Sumar é o voto decisivo e imprescindíbel, é a diferenza que vai facer posíbel ese cambio"

Lois, Bustinduy e Piñeiro, este domingo, na Pobra do Caramiñal. (Foto: Elena Fernández / Europa Press)
photo_camera Lois, Bustinduy e Piñeiro, este domingo, na Pobra do Caramiñal. (Foto: Elena Fernández / Europa Press)

A candidata de Sumar á Presidencia da Xunta da Galiza, Marta Lois, elevou a "cinco" o número de persoas ás que cada un das persoas simpatizantes da formación ten que convencer para que haxa "cambio" no Goberno galego o próximo 18 de febreiro. Ademais, rexeitou que a formación laboralista sexa un "obstáculo" para o cambio, senón ao contrario, dixo, é necesario porque "se non, non chega".

A unha semana da cita coas urnas, e tras unha repartición de propaganda electoral en Noia (comarca homónima), Marta Lois protagonizou un mitin no teatro Elma, na Pobra do Caramiñal (O Barbanza), e cuxo ex alcalde, Xosé Lois Piñeiro, forma parte da candidatura.

Lois estivo arroupada polo ministro de Dereitos Sociais, Consumo e Axenda 2030, Pablo Bustinduy, nun mitin no que, precisamente, os protagonistas fixeron fincapé na axenda social do Goberno español, con actuacións como a reforma laboral ou a subida do salario mínimo interprofesional.

A candidata de Sumar recolleu a luva que lle lanzou o seu sucesor no Congreso, Íñigo Errejón, este sábado en Ames (comarca de Compostela), onde pediu a cada un dos asistentes ao mitin da tarde noite a convencer e levar a votar a tres persoas. Lois, nun día no que transcenderon varias enquisas, subiu a 'aposta' e pediu que non sexan tres, senón "cinco" as persoas á que hai que convencer.

"É evidente que conforme pasan os días, aumenta o nerviosismo no Partido Popular, porque a perspectiva dun cambio na Xunta da Galiza para converter o seu Goberno nun referente dun novo modelo de benestar, dunha sociedade máis xusta, desenvolvida, con máis dereitos sociais, está moi preto", salientou, pola súa banda, o ministro Bustinduy.

"O voto para Sumar é o voto decisivo e imprescindíbel, é a diferenza que vai facer posíbel ese cambio", defendeu Bustinduy, quen apelou a que fai falta un "esforzo, fai falta motivación, fai falta que a xente traballadora, que as mulleres, que os estudantes, que todo o mundo saia a votar, porque o cambio está moi preto".

"Eu pediríalle á cidadanía galega que reflexionen, que consideren quen está a falar do futuro da Galiza, do futuro da sociedade galega, quen está a falar de sanidade, de educación, de dependencia, quen está a falar de dereitos sociais", afirmou Bustinduy, fronte a quen "baseou a súa campaña en tentar fomentar a indiferenza, cando non o medo e a incerteza".

"Depende de nós"

Na súa intervención, Marta Lois volveu pór o acento nas mulleres e en que se porá en marcha un servizo público de axuda no fogar e salientou que "depende de nós" lograr o cambio.

"Depende de nós, depende de non entender que non se trata de concentrar o voto, nin de dicirlle a Sumar que vai ser un obstáculo para o cambio, trátase de todo o contrario", salientou Marta Lois, quen apelou a "contar como están as enquisas e os datos" que, ao seu xuízo, revelan que "falta moi pouco para o cambio, pero un cambio que só se ve se Sumar está na ecuación política".

Así, a candidata de Sumar referiuse a todas as voces que din que "o voto útil é ao BNG" para asegurar que "co voto ao BNG e ao PSdeG non chega".

Comentarios