18-F

Marta Lois resta importancia ao pacto BNG-Anova: "Volven a ese espazo nacionalista moi definido"

"Nós somos un espazo que queremos ensanchar; estamos a interpelar a todas as galegas progresistas deste país", di a candidata de Sumar.
Martiño Noriega, María Rozas e Marta Lois compartiron equipo de goberno en Santiago após vencer Compostela Aberta nos comicios de 2015. (Foto: Europa Press)
photo_camera Martiño Noriega, María Rozas e Marta Lois compartiron equipo de goberno en Santiago após vencer Compostela Aberta nos comicios de 2015. (Foto: Europa Press)

A candidata de Sumar Galicia á Presidencia da Xunta, Marta Lois, reivindicou esta segunda feira que a súa formación política constitúe un espazo que "ensancha" o espazo progresista e é "independente" do que decidan outras organizacións políticas. Lois quixo con estas palabras restar importancia ao efecto que poida ocasionar o acordo asinado polas direccións de BNG e Anova este domingo.

"Sumar Galicia está desde o minuto uno concentrada, pensando no presente e futuro e volveremos insistir sempre en que imos ser unha forza estratéxica e decisiva", manifestou, en declaracións aos medios, Marta Lois, que foi concelleira de Turismo e Igualdade do goberno de Martiño Noriega —daquela con Compostela Aberta— e quen persoalmente tamén tratou de seducir o dirixente nacionalista para que, despois de que Anova pedise o voto para o BNG o 23-X, mantivese os lazos coa esquerda federal.

Lois valorou o acordo das dúas organizacións soberanistas como unha "volta ao centro do nacionalismo galego" e asegurou que en Sumar están "moi concentradas, decididas e teñen moi claro" algo que os galegos "entenden sempre", as políticas que "melloran a vida da xente". "E van seguir centradas aí", dixo.

Preguntada por se espera, por tanto, que non lle afecte esta decisión, Marta Lois sinalou que "a forza de Sumar é independente das decisións políticas —doutras organizacións— e que neste caso adopte Anova, que en realidade é volver a ese espazo nacionalista moi definido".

"E nós somos un espazo que queremos ensanchar; estamos a interpelar a todas as galegas progresistas deste país, que son moitas e que votaron o 23 de xullo e votaron progresista", salientou a candidata de Sumar, que reivindicou que representan "políticas de solvencia acreditadas no Estado".

Así as cousas, sobre a decisión de Anova, que desde 2012 concorrera coa esquerda federal a comicios galegos, estatais e municipais —neste caso en plataformas máis amplas— até xullo de 2023, Marta Lois encadrouno en cuestións "internas do marco nacionalista que non teñen nada a ver coa vontade, convencemento e ilusión" de cambio para Galiza.

Comentarios