18-F

Marta Lois propón destinar 25% máis á sanidade pública e descentralizar a atención en Centros de Alta Resolución

Sumar asegura que a situación da sanidade pública galega é o resultado de anos de "abandono" e "desleixo" por parte da Xunta do PP.
A candidata de Sumar á presidencia da Xunta, Marta Lois, xunto ao cabeza de lista por Pontevedra, Ramón Sarmiento, con membros da plataforma SOS Sanidade Pública, en Vigo. (Foto: Europa Press)
photo_camera A candidata de Sumar á presidencia da Xunta, Marta Lois, xunto ao cabeza de lista por Pontevedra, Ramón Sarmiento, con membros da plataforma SOS Sanidade Pública, en Vigo. (Foto: Europa Press)

A candidata de Sumar Galicia á presidencia da Xunta, Marta Lois, propuxo esta cuarta feira incrementar o orzamento para a sanidade pública en 25% e descentralizar a atención coa construción dos chamados Centros de Alta Resolución, espazos intermedios entre os centros de saúde e os grandes hospitais de referencia que poidan atender as necesidades dos galegos nos ámbitos sanitarios máis demandados. Así o trasladou, en declaracións aos medios, antes de manter en Vigo unha reunión con representantes da Plataforma SOS Sanidade Pública na que tamén participou o cabeza de lista por Pontevedra, Ramón Sarmiento.

Logo de trasladar o apoio de Sumar á manifestación en defensa da sanidade pública do próximo 4 de febreiro, Marta Lois explicou que a proposta desta formación para a sanidade pública pasa por un incremento orzamentario de 25 %, para destinar máis recursos a atender as necesidades da poboación, "non para aumentar o gasto farmacéutico ou para a xestión privada".

Por outra parte, expuxo a necesidade dun "cambio de paradigma" na atención sanitaria e, nesta liña, propuxo a construción de Centros de Alta Resolución na Galiza. Trataríase de espazos intermedios entre os centros de Atención Primaria e os grandes hospitais de referencia, onde os cidadáns e cidadás poderían acudir para recibir atención nos ámbitos de saúde máis demandados, como uns "hospitais sen camas", pero con funcións neses servizos sanitarios básicos.

Lois tamén propuxo a posta en marcha dun plan "de impacto" integral para reducir as listas de espera e garantir a atención en 48 horas, ou en 24 horas se se trata dunha urxencia. Finalmente, propuxo medidas para garantir máis médicos, pediatras, persoal de enfermaría e unha aposta máis decidida por especialidades como a xinecoloxía, após denunciar que, excepto en casos de enfermidade grave ou maternidade, as mulleres galegas "non teñen dereito" a unha atención xinecolóxica adecuada.

Tanto Marta Lois como Ramón Sarmiento incidiron en que a situación da sanidade pública galega é o resultado de anos de "abandono" e "desleixo" por parte da Xunta do PP. No caso de Vigo, Sarmiento destacou que é a única área sanitaria que non conta cun hospital público de referencia, senón que parte da poboación está asignada a un centro privado (Povisa) e o resto a un hospital (Álvaro Cunqueiro) que é "propiedade de fondos de investimento".

SOS Sanidade

Aliás, o portavoz de SOS Sanidade Pública, Manuel Martín, sinalou que a manifestación do 4 de febreiro será unha vía para que a poboación galega mostre o seu desacordo e "frustración" pola xestión da sanidade que fai a Xunta, centrada no "desmantelamento da Atención Primaria". "Podemos dicir sen exaxerar que está en coma. A poboación ten un serio problema para acceder aos médicos e médicas e ao persoal de enfermaría nos centros de saúde", advertiu.

Por outra parte, engadiu que "outro problema gravísimo" son as listas de espera, "absolutamente maquilladas e falsificadas" pola Administración galega, tal e como vén de denunciar o Defensor do Paciente.

Comentarios