O BNG consegue as Alcaldías de Ribeira, Muros e Corcubión, mantén a de Mazaricos e o PP revalida a de Noia e Porto do Son

12 concellos prevén constituír esta sexta feira as súas corporacións

Diseño sin título (4)
photo_camera María Lago, alcaldesa de Muros, Luís Pérez, alcalde de Ribeira, Santiago Freire, alcalde de Noia, e Juan Branco, alcalde de Mazaricos. (Foto: Nós Diario)

O BNG suma novas Alcaldías no país. Ademais do Concello de Muros, que liderará a María Vilas, a formación gobernará tamén Ribeira, cabeza da comarca do Barbanza, co primeiro Goberno nacionalista das últimas tres décadas. Luís Pérez Barral será alcalde de Ribeira neste mandato e formará Goberno cos cinco concelleiros do independente Partido Barbanza Independente (PBBI) e o edil do PSdeG. Cos cinco concelleiros e concelleiras que conseguiu o BNG o pasado 28 de maio, os nacionalistas conseguen esta sexta feira “arrebatarlle” a Alcaldía ao PP, que gobernaba a localidade desde hai máis de trinta anos. Os populares perden un dos seus “feudos” no país.

Pola súa parte, María Lago, tamén do BNG, fíxose coa Alcaldía do concello murarán na mañá desta sexta feira. O apoio do PSdeB posibilitou “impedir” a Inés Monteagudo (PP) seguir á fronte do Goberno local.

Mazaricos

O Pleno municipal de Mazaricos tamén celebrou hoxe a súa sesión constitutiva para o mandato 2023-2027, onde se procedeu á toma de posesión das concelleiras e concelleiros e á elección do alcalde. Juan Branco foi escollido novamente rexedor de Mazaricos, votando a prol da súa investidura os seis concelleiros do grupo do Bloque Nacionalista Galego. Previamente, tanto o candidato do Partido Popular, José Manuel Caamaño López, como o de Espazo Común, Francisco Javier González Trillo, retiraran a súa candidatura.

Noia

Santiago Freire (PP) foi reelixido como alcalde de Noia grazas ao acordo polo que a formación independente Noieses Independentes Agrupados (N.O.I.A.), que volverán formar parte do Goberno local como fixeron durante o último mandato.

O pleno de constitución para o mandato 2023-2027 decorreu ás 10 horas desta sexta, onde os votos de PP e N.O.I.A. serviron para alcanzar os nove edís que dan a maioría absoluta na corporación noiesa.

O PP de Santiago Freire, que repetiu o pasado 28 de maio os sete edís logrados fai catro anos, continuará co bastón de mando ao superar a suma de PSOE (4 concelleiros), Marea Cidadá de Noia (2) e BNG (2), que votaron polo candidato socialista, Fran Pérez.

Celanova

O concello máis madrugador desta xornada "atípica" foi o de Celanova. Pasadas as 9 da mañá Antonio Puga (Celanova Decide) xa era o novo alcalde da vila cos votos a favor dos seus e as súas edís, as do PSdeG e as do BNG.

A formación Celanova Decide pediu á Xunta Electoral Central o aprazamento como medida cautelar ante o recurso contencioso que presentou debido a un erro na transmisión telemática dos resultados da mesa de Acevedo do Río a noite dos comicios electorais do pasado 28 de maio. En concreto, intercambiáronse as cifras dos votos recibidas entre Celanova Decide e o PSdeG, polo que non se corresponde co escrutinio da acta asinada na mesa.

Porto do Son

En canto a Porto do Son, na comarca de Noia, Luís Ouxo (PP) revalidou esta sexta feira a Alcaldía. Desta maneira, Ouxo ostenta o bastón de mando do Son de forma ininterrompida desde o ano 2011. A maioría absoluta renovada polo Partido Popular nas eleccións municipais do pasado 28 de maio serviu para prolongar un novo mandato de Ouxo no cargo. Os sete edís do PP reelixiron Ouxo como alcalde para o próximos catro anos, nos que espera retomar os proxectos pendentes despois dun mandato "moi difícil" pola pandemia.

Corcubión

En Corcubión (comarca de Fisterra), o BNG recuperou o bastón de mando perdido en 2003. Cada unha das formacións que obtiveron representación na localidade o pasado 28 de maio votou polo seu propio candidato, polo que o candidato nacionalista, Francisco Javier Domínguez, 'Drok', fíxose coa Alcaldía ao ser a lista máis votada.

Outes

Manuel González, da formación Compromiso por Outes, foi reelixido como alcalde do municipio coruñés de Outes, onde compartirá goberno con PSdeG e BNG.

Na sesión constitutiva plasmouse o acordo subscrito a mediados do mes de xuño polo que BNG (con dous edís) e PSdeG (con un) entregaron os seus votos para investir como alcalde Manuel González de Compromiso por Outes, que logrou catro concelleiros (un menos que en 2019).

A Pobra do Caramiñal

José Carlos Vidal, da lista de Nós Pobra, foi elixido alcalde na Pobra do Caramiñal (O Barbanza) após un acordo co partido independente liderado por Eloy Sobrido, VIxP, co PSdeG e co BNG. Para que Nós Pobra revalidara a Alcaldía pobrense, as dúas primeiras persoas da súa lista tiveron que dimitir: o ex alcalde Xosé Lois Piñeiro e Estefanía Ramos, condición sine qua non para recibir o apoio dos independentes. 

Así, o Goberno da Pobra do Caramiñal estará formado por un cuatripartido integrado por Nós Pobra, BNG, PSdeG e VIxP.

Un total de 12 concellos galegos prevén constituírse esta sexta feira, día 7 de xullo, tras ver aprazados os seus plenos para a conformación das novas corporacións saídas das eleccións municipais do pasado 28 de maio debido á presentación de recursos por diferentes casuísticas. Con todo, seguirá pendente a de Castro Caldelas, onde se terán que repetir as eleccións, pero aínda non foi fixada a data por parte da xunta electoral.