Margallo non se desculpará con Venezuela mais recoñece a Nicolás Maduro como presidente

O ministro de Exteriores español, que apoiara a exixencia de Capriles dunha auditoría dos votos, di que as súas palabras foron malinterpretadas. Margallo recoñece agora a vitoria de Maduro, embora anuncia que non pedirá desculpas a Venezuela por unhas declaracións que claramente supuñan unha inxerencia nos asuntos internos dun país soberano.

García-Margallo
photo_camera García-Margallo

García-Margallo, ministro de Exteriores español, non vai pedir desculpas por se ter posicionado a prol dunha revisión dos votos das eleccións en Venezuela, unha postura concordante coa demanda do opositor Capriles.

A declaración de Margallo xerou a reacción do goberno venezolano: Caracas chamou a consultas ao seu embaixado e convidou a España a se ocupar de arranxar cuestións coma o desemprego ou os desafiuzamentos antes de se inxerir en cuestións internas doutros países.

O ministro de Exteriores cualifica estas declaracións como “medidas” e considera que non se entenderon como deberan. “Un malentendido que será aclarado”. Aliás, Margallo dixo estar “sorprendido” pola reacción de Caracas. Indicou que nesas mesmas declaracións comezaba afirmando que “tomaba nota” de que o Consejo Nacional Electoral declarara a Maduro triunfador nas eleccións.

Margallo recoñeceu a Nicolás Maduro como “presidente da República de acordo co ordenamento constitucional”, após o CNE ter ditaminado que non vai haber reconto.

Os observadores internacionais presentes en Venezuela respaldan tamén a limpeza do proceso eleitoral ocorrido este domingo e que resultou na axustada vitoria de Maduro sobre Capriles.

Comentarios