SESIóN DE INVESTIDURA

En Marea di 'non' a Sánchez nesta investidura para que "o cambio real poida chegar"

“Para Galiza unha virada de 180 graos é necesaria como auga de maio”, dixo Alexandra Fernández nunha intervención no Congreso na que se referiu a Ence, ao accidente de Angrois e os sectores produtivos galegos. Tivo referencia explicita para o PSdeG de cara a evitar "oportunidades perdidas" para unha alternativa ao PP na Galiza.

fernández no congreso en marea
photo_camera Imaxe: Congreso

Un poema de Xohana Torres, 'Penélope', abriu a porta do primeiro discurso de Alexandra Fernández no pleno do Congreso español. Unha intervención de seis minutos – 3 máis do que lle correspondeu no reparto de tempos no seo do grupo confederal- nos que a portavoz de En Marea anunciou o rexeitemento da súa coligazón a apoiar a investidura de Pedro Sánchez. “Un non ao continuismo”, dixo Fernández, que considera que Pedro Sánchez “non quixo ou non soubo” dar resposta á demanda de cambio xurdida do 20-D. Desde as eleccións, dixo, o único que fixo o candidatpo socialista foi “dar voltas e voltas” para acabar “sentado” nas mesmas “burbullas que sosteñen este réxime do 78”.

Mais este 'non' dado por Fernández non supón un punto e final. Propuxo ao PSOE atopar “un punto de encontro”, que pasaría por fechar a etapa de “gobernos contra a xente”. Mais iso pasaría por finiquitar o que cualificou de “micro-pacto” entre “un partido social-demócrata que non exerce de tal” e outro neo-liberal, referíndose a PSOE e Ciudadanos.

Defendeu no pleno que Ence saia da Ría de Pontevedra, e unha comisión de investigación sobre o sinistro ferroviario de Angrois, “caia quen caia”. Tamén que sectores produtivos galegos como o mar ou o gandeiro “teñan voz en Europa” para se defender “das grandes multi-nacionais”.

“Autogoberno e benestar”

“Somos unha nación”, afirmou a deputada en varias ocasións ao longo da intervención. Un nación “cuns sectores produtivos que non son estratéxicos para o Estado mais si que son vitais para nós”. Para Galiza, sostivo, “autogoberno e benestar son dúas caras da mesma moeda” e enfatizou que “unha virada de 180 grados é necesario como auga de maio” para este país. Así, dirixiuse a Pedro Sánchez para convidar o PSOE a “facer xuntos” un programa “rexido por palabras que de certo coñece: social-democracia e profundización democrática”.

PsdeG

Ao final do discurso, Alexandra Fernández dirixiuse especificamente ao PSdeG para “lamentar” se a “oportunidade perdida” de Pedro Sánchez na investidura provoca que a “xente do común da nación galega” vexa como se empaña a consecución, após as autonómicas, dunha alternativa á “brigada de demolición” do PP.

En Marea non contestou á réplica de Pedro Sánchez ao seu discurso, como tampouco o fixo En Comú Podem. Foi Pablo Iglesias, de Podemos, quen falou como representante do 'grupo confederal'

Comentarios