Entrevista

Manuel Ruiz Robles, ex militar: "Galiza non será soberana se non cae a monarquía"

Manuel Ruiz Robles (Madrid, 1943) forma parte dun colectivo de ex militares que denunciou perante a Audiencia Nacional o intento de "golpismo" por parte de sectores como Tribunais de Xustiza, a Garda Civil ou incluso do Exército. Nós Diario publica unha conversa con este ex capitán de navío con motivo da aprobación da Lei de Amnistía.
O ex capitán de navío da Armada española Manuel Ruiz (Foto: Nós Diario).
photo_camera O ex capitán de navío da Armada española Manuel Ruiz. (Foto: Nós Diario).

—Colectivos como o Exército, a Garda Civil e incluso xuíces criticaron a Lei de Amnistía acordada entre PSOE e forzas independentistas catalás para lograr a investidura de Pedro Sánchez e á que buscaron unha vía para a aprobación. Que valoración fai desta lei?
É unha lei absolutamente lexítima, que responde a un clamor do pobo de Catalunya, brutalmente apaleado polas forzas da orde o 1 de outubro de 2017, ao intentar exercer o seu dereito a expresarse democrática e pacificamente.

—Vostede manifestouse publicamente contra a monarquía, contra os anos da ditadura franquista e contra o propio Réxime do 78. Non semella a imaxe típica que se ten do Exército español.
En efecto, somos minoría os militares españois que manifestamos publicamente os nosos valores democráticos e republicanos, pero, como dicides na Galiza: "Eu non creo nas meigas, pero habelas hainas". 

—Na lexislatura española actual repítese a correlación de forzas da anterior, unha maioría progresista. Cre que cabe "esperanza" para unha hipotética declaración en favor dun sistema de república?
Non creo que haxa de maneira inminente un grande acontecemento histórico, como sería a proclamación da república, unha república federal ou confederal, moderna e avanzada. Pero parece evidente que estamos vivindo momentos de gran transcendencia política, iniciados por esta lexislatura. O impulso democrático das forzas soberanistas dos pobos da Galiza, Catalunya e Euskadi, xunto ao das demais forzas progresistas e democráticas do Estado español, poden e deben crear as condicións necesarias para iso. 

—Como ven as Forzas Armadas españolas este dereito á autodeterminación das nacións históricas do Estado?
É difícil responder a unha pregunta tan delicada. Son demócrata e creo no dereito a autodeterminación das nacións históricas. E, chegado o caso, creo tamén no seu dereito á independencia, se así o decidiran os seus Parlamentos por maioría cualificada. Porén, non son independentista. Gustaríame unha república federal ou confederal, cando así o decida o pobo. En canto ás Forzas Armadas españolas, están obrigadas por unha Constitución outorgada polo último xefe da ditadura, o rei Juan Carlos I, a garantir a orde constitucional. Isto é algo esperpéntico e inexistente nos países democráticos da nosa contorna. É por iso que coido que Galiza, Catalunya e Euskadi non serán soberanas en tanto non caia a monarquía e se proclame a república.

—Sectores alleos ao poder lexislativo manifestáronse en contra da investidura de Pedro Sánchez como presidente, entre eles o Exército. Que lectura fai destas mobilizacións? 
A situación actual do Exército español non é nova, dado que procede historicamente do golpe militar do 18 de xullo de 1936 e do xenocidio provocado pola guerra civil e pola ditadura. É evidente que a maioría dos militares españois asumiron o réxime nacido da chamada transición. Porén, a ideoloxía franquista segue moi viva no seu seo e a maioría dos integrantes do Exército son extremadamente conservadores. En canto aos xuíces que deron un bochornoso espectáculo, presuntamente sedicioso, manifestándose publicamente contra decisións do poder lexislativo, tampouco resulta nada sorprendente, dada a maneira en que se levou a cabo a "idílica" transición nos anos 70 do século pasado.  

Da paixón polo mar á defensa dos dereitos democráticos

A pregunta de como chegou un demócrata republicano a ser capitán de navío da Armada española ten unha resposta sinxela: a súa paixón polo mar. Unha paixón que coñeceu de neno pasando os veráns en Málaga coa súa familia e que consolidou ingresando na Escola Naval de Marín (comarca do Morrazo). Na súa traxectoria profesional no Exército integrouse moi cedo na Unión Militar Democrática (UMD), unha organización militar que buscaba "democratizar" as Forzas Armadas e oporse á ditadura franquista seguindo o modelo do Movimento das Forças Armadas de Portugal que o 25 de abril de 1974 puxo fin á ditadura de Salazar. "A Lei de Amnistía de 1977 consolidou a impunidade dos crimes do franquismo e con ela moitos dos meus compañeiros da UMD foron xulgados e expulsados", explica Ruiz.

Comentarios